INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA TRABALLA NUNHA NOVA APLICACIÓN QUE PERMITIRÁ AOS CONCELLOS REALIZAR AUDITORÍAS ENERXÉTICAS ON-LINE

01/12/2012

 - A ferramenta avaliará a situación enerxética facilitando a toma de decisións co fin de diminuír os consumos enerxéticos municipais que ascenden, de media, a case 13.000 tep/ano, dos que o 78% corresponde a enerxía eléctrica.

- Suporá unha nova fonte de datos estatísticos axeitados para analizar a implantación de medidas de aforro e eficiencia e o uso das fontes renovables nos municipios.

- A Consellería de Economía e Industria ven impulsando un plan de aforro e eficiencia enerxética na administración local coaa creación doutra ferramenta para o cálculo de tarifas eléctricas, a posta en marcha dun servizo de asesoría enerxética individualizada, ou as tradicionais liñas de axuda.

Santiago, 1 de decembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver unha nova ferramenta informática  que permitirá aos concellos galegos realizar auditorías enerxéticas on-line que diagnostiquen a súa situación neste campo de modo sinxelo e inmediato, o que lles facilitará tomar decisións para diminuír os seus custos enerxéticos. Cómpre lembrar que os consumos enerxéticos municipais ascenden, de media, a case 13.000 tep/ano, dos que o 78% corresponde a enerxía eléctrica e, dentro desta porcentaxe, o 70% a iluminación pública.

Sobre esta base, o novo servizo de diagnose enerxética permitirá facer avaliacións on-line adaptadas ás particularidades de cada municipio, contribuíndo á identificación de medidas concretas de eficiencia enerxética. Neste sentido, o aforro e a eficiencia resultan fundamentais para que os concellos galegos poidan mellorar a súa competitividade rebaixando custos que non achegan valor engadido, e incrementando, así, a calidade de vida dos seus cidadáns.

Así mesmo, a ferramenta constituirá, tamén, unha nova fonte de datos estatísticos, axeitados para analizar a implantación de medidas de aforro e eficiencia e o uso das fontes renovables nos municipios galegos. Esta aplicación, que estará en funcionamento antes de que remate o ano, supón un paso máis dentro dun longo proceso de xestión desenvolvido durante este exercicio e do que os concellos galegos, co asesoramento do Inega, poden beneficiarse xa a través de múltiples iniciativas.

Neste eido, a Consellería de Economía e Industria ven impulsando un plan de aforro e eficiencia enerxética para a Administración local, habilitando, en primeiro lugar, unha ferramenta informática de cálculo de tarifas eléctricas que lles facilita a revisión da facturación de electricidade. Esta, que conta xa con máis de medio centenar de usuarios, permite optimizar a potencia contratada e a demanda de enerxía reactiva, sinalando as posibles melloras a emprender. Ademais, púxose en marcha un servizo de asesoría enerxética individualizada que complementa esta ferramenta e facilita aos concellos a toma de decisións, resolvendo as dúbidas que formulan e achegándolles información sobre o programa de axudas da Xunta para o aforro e a eficiencia enerxética.

Este programa contou, no 2012, con tres liñas específicas para municipios, con apoios por máis de 3 millóns de euros cos que se impulsou a posta en marcha de medidas en preto de 90 concellos galegos con aforros económicos de ata o 50% do custo da factura. Estímase que coa execución destes proxectos pódese obter un aforro enerxético de máis de 2.400.000 kWh/ano, o que supón o consumo de electricidade de preto de 700 familias ao ano. Ademais, este aforro enerxético suporá un aforro en custes superior aos 5 millóns de euros ao longo da vida útil dos equipos, que pode chegar aos 15 anos.