INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A XUNTA APOSTA POLO AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA PARA MELLORAR A COMPETITIVIDADE DOS PRINCIPAIS SECTORES PRODUTIVOS DA ECONOMÍA GALEGA

29/12/2012

Santiago, 29 de decembro de 2012.- A construción dun modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente para facer de Galicia unha comunidade pioneira no aforro e a eficiencia enerxética constitúe un dos piares básicos de actuación do Goberno galego. Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), elaborou este ano distintos estudos que promoven a eficiencia enerxética como modo para mellorar a competitividade dalgunhas das principais industrias da economía galega.

Así, nos últimos meses téñense elaborado estudos que analizan os consumos enerxéticos dos sectores téxtil, da madeira, gandeirías, pesca e granito, proporcionando pautas e modelos de comportamento que permiten reducir custos diminuíndo de xeito importante os seus consumos e gastos enerxéticos.

Os estudos analizan os consumos facendo diagnósticos da situación actual e das posibilidades de mellora, servindo de guía para introducir medidas de racionalización e aforro enerxético que superan, nalgúns casos, o 50%.

Así, as explotacións gandeiras de Galicia poden aforrar máis dun 35% en enerxía se aplican medidas de aforro e eficiencia, o que supón 6.300 euros na factura anual. Pola súa banda, o potencial medio de aforro nas empresas da industria da madeira como serradoiros, carpintarías e mueblerías é dun 5%, o que se traduce nun aforro económico anual dun 20%. Tendo en conta que o consumo enerxético por exercicio supón un gasto superior aos 230.000 euros, as empresas do sector poden aforrar 46.000 euros ao ano aplicando as medidas que propón o estudo.

Das auditorías realizadas entre as empresas do téxtil dedúcese un potencial de aforro de enerxía nas mesmas do 20%, e dun 25% no aforro económico; mentres que as embarcacións do sector pesqueiro galego poderían reducir até un 23% o que gastan en enerxía con medidas de aforro e eficiencia enerxética. Por último, as empresas do sector do granito aforrarían máis de 3 millóns de euros ao ano aplicando as medidas propostas, cunhas posibilidades de aforro enerxético medio do 14%.

Todos estes estudos téñense divulgado xa entre as industrias dos diferentes sectores, coa finalidade de que as medidas propostas lles poidan servir de guía. Para ilo, distribuíronse máis de 500 exemplares de cada un, atopándose ademais á disposición dos interesados na páxina web do Inega (www.inega.es).