INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ABRE MAÑÁ O PRAZO PARA SOLICITAR AXUDAS DE ATA O 30% NA SUBSTITUCIÓN DE EQUIPOS DE CLIMATIZACIÓN POR OUTROS MÁIS EFICIENTES

27/01/2012

- A Consellería prevé cambiar máis de 1.200 equipos en toda Galicia a través deste plan Renove, ao que se destina un orzamento de 900.000 euros

- Con estas axudas, que poden chegar ata preto de 4.000 euros, a Xunta fomenta a mellora da eficiencia enerxética das instalacións que se renoven, xa sexan de calefacción, climatización ou auga quente

- Prevese un aforro de enerxía primaria de máis de 143 toneladas equivalentes de petróleo, e evitar a emisión de máis de 574 toneladas de CO2 á atmosfera

- Os interesados poden consultar a listaxe de empresas colaboradoras a través da web do Instituto Enerxético de Galicia –www.inega.es-

Santiago, 26 de xaneiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria activa mañá unha nova edición do Plan Renove de Equipos de Climatización, un programa que conta con axudas de ata o 30%, e co que se aspira a cambiar no conxunto da Comunidade máis de 1.200 equipos por outros máis eficientes.

O plan estará vixente ata o 30 de xuño, podendo os interesados consultar a listaxe de empresas colaboradoras a través da web do Instituto Enerxético de Galicia –www.inega.es-. Para obter a axuda, o comprador tense que pór en contacto cunha destas entidades, que reservará os fondos mediante unha aplicación habilitada para iso, tendo despois 60 días para instalar o equipo e cobrar o importe aplicando o desconto da axuda.

As axudas dependen da potencia do equipo, chegando no caso das caldeiras de condensación ata os 1.320 euros, e para equipos de aire acondicionado e bombas de calor ata 3.840 euros. A axuda non poderá superar o 30% do custo total da obra.

Poden beneficiarse destas subvencións as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado, os propietarios ou titulares con dereitos sobre un inmoble, e as comunidades de veciños, sempre que a actuación se realice en vivendas ou edificios do sector terciario que se atopen en Galicia.

A través desta campaña, que se encadra dentro da aposta estratéxica da Consellería de Economía e Industria polo aforro e a eficiencia enerxética, se reducirá o consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria mediante a substitución de equipos tradicionais por outros de alta eficiencia enerxética.

O programa conta cun orzamento de 900.000 euros, cos cales se mobilizarán arredor de 3 millóns de euros, acadándose un aforro de enerxía primaria de máis de 143 toneladas equivalentes de petróleo ao ano, o que supón evitar a emisión de máis de 574 toneladas de CO2 á atmosfera.