INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS CONSELLERÍAS DO MEDIO RURAL E DO MAR E DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PROBAN NO PORTO DE PORTONOVO UN PIONEIRO SISTEMA DE MINI XERADORES EÓLICOS

09/01/2012

 - A instalación deste sistema supón unha alternativa na xeración de enerxía eléctrica en portos deportivos galegos.
- A actuación únese a outros estudos e accións desenvolvidos por ambas consellerías para a implantación de medidas de aforro e eficiencia nas instalacións e actividades portuarias.

Portos_Inega_Portonovo

Santiago, 9 de xaneiro de 2012.- As consellerías do Medio Rural e do Mar e de Economía e Industria están a desenvolver, nas instalacións náutico recreativas de Portonovo, un sistema pioneiro que persegue a produción de enerxía eléctrica a través da instalación dun xerador eólico de baixa potencia. Neste contexto, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, comprobaron na mañá de hoxe o funcionamento do aeroxerador instalado no edificio do Club Náutico.

A instalación deste sistema de xeración de enerxía mediante mini turbinas eólicas resulta pioneira nun porto en Galicia e consiste nunha proba experimental de obtención de enerxía eléctrica en instalacións náutico recreativas que permite unha maior eficiencia e aforro enerxético nas instalacións.

Xa dentro deste ámbito, Portos de Galicia e o Inega chegaron recentemente a un acordo polo cal se estudará a capacidade de integración da enerxía eólica de pequena potencia –ata 100 kw- nos Portos de Galicia. Para a realización do estudo seleccionaranse tres portos da comunidade, un nas Rías Altas, outro nas Medias e outro nas Rías Baixas, nos que se fará unha análise dos custos asociados a este tipo de instalacións e se definirá un proxecto tipo para cada un.
 
A colaboración entre Portos de Galicia e o Inega para a implantación de medidas de aforro e eficiencia nas instalacións e actividades portuarias tamén permitiu a realización de estudos de viabilidade para a implantación de redes de recarga de vehículos eléctricos e para a implantación de plantas de coxeración–trixeración nos portos xestionados polo ente autonómico. Tamén se desenvolveron auditorías enerxéticas nas diferentes iluminacións públicas en Celeiro, Ribeira e O Grove. 

Q de calidade
A visita a esta pioneira instalación mini eólica serviu, tamén, para izar a bandeira do galardón de Q de calidade, concedida polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) a Portonovo e outros cinco portos galegos. Neste sentido, Galicia sitúase como líder nacional ao ostentar a metade das distincións concedidas ás instalacións náutico- recreativas en toda España.