INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR AXUDAS DE ATA O 25% NA SUBSTITUCIÓN DE EQUIPOS DE ILUMINACIÓN POR OUTROS MÁIS EFICIENTES

02/02/2012

- A Consellería prevé realizar actuacións en 250 edificios e vivendas de Galicia a través deste plan Renove, ao que se destina un orzamento de 490.000 euros.

- Prevese un aforro de enerxía primaria de máis de 1,9 millóns de kWh/ano, evitándose a emisión de 300 toneladas de CO2 á atmosfera.

- Os interesados poden consultar a listaxe de empresas colaboradoras a través da web do Instituto Enerxético de Galicia –www.inega.es-

Santiago, 2 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria vén de activar unha nova edición do Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior, un programa co que se prevé substituír luminarias por outras máis eficientes en arredor de 250 edificios e vivendas de Galicia, con axudas de ata o 25% do custo das actuacións.

O plan estará vixente ata o 30 de xullo, podendo os interesados consultar a listaxe de empresas colaboradoras a través da web do Instituto Enerxético de Galicia –www.inega.es-. Para obter a axuda, o comprador tense que pór en contacto cunha destas entidades, que reservará os fondos mediante unha aplicación habilitada para iso, tendo despois 60 días para instalar o equipo e cobrar o importe aplicando o desconto da axuda.

As axudas varían en función do equipo que se substitúa. Non obstante, a subvención cubre ata un 25% do custo da nova instalación, esixíndose un investimento mínimo de 500 euros. Os límites máximos das axudas serán de 1.500 euros no caso dos pisos, 10.000 euros en bloques de vivendas, e 25.000 en edificios do sector terciario. Como requisito, as actuacións teñen que levar asociada unha diminución anual de polo menos un 30% do consumo de enerxía convencional, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa a realizar.

Poden beneficiarse destas subvencións as persoas físicas e xurídicas de dereito público ou privado, os propietarios ou titulares con dereitos sobre un inmoble, e as comunidades de veciños, sempre que a actuación se realice en vivendas ou en edificios do sector terciario que se atopen en Galicia.

A través desta campaña, que se encadra dentro da aposta estratéxica da Consellería de Economía e Industria polo aforro e a eficiencia enerxética, substituiranse lámpadas e luminarias convencionais por outras máis eficientes, fomentándose tamén a instalación de sistemas de regulación a través de fotocélula e de detectores de presenza.

O programa conta cun orzamento de 490.000 euros, cos cales se mobilizarán arredor de 2 millóns de euros, acadándose un aforro de enerxía primaria de 1,9 millóns de kWh/ano, e evitando a emisión de 300 toneladas de CO2 á atmosfera.