INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA IMPULSA O AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA COA NOVA CALDEIRA DE BIOMASA DEO CONCELLO DE RIBAS DE SIL

04/02/2012

- A instalación, que serve para calefactar o edificio de ampliación da casa consistorial e xerar auga quente, contou cunha achega de 10.000 euros por parte do Instituto Enerxético de Galicia.

- Con esta medida evitarase a emisión de 24 toneladas de CO2 á atmosfera cada ano.

- Esta actuación permitirá un aforro anual de máis de 4.000 euros e de case 90 MWh en combustibles fósiles.

Santiago, 4 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de conceder unha axuda á nova caldeira de biomasa instalada no edificio de ampliación da casa consistorial do Concello de Ribas de Sil. O proxecto, desenvolvido a través da convocatoria especial para caldeiras de biomasa en edificios de administracións públicas posta en marcha polo Inega, permitirá ao concello lucense acadar un aforro anual de máis de 4.200 euros con respecto a un consumo de gasóleo, evitándose deste xeito a emisión de 24 toneladas de CO2 ao ano.

A nova instalación contou cunha achega de case 10.000 euros por parte do Inega, o que supuxo cerca do 30% do custo do proxecto. A caldeira aporta ao complexo unha solución integral ao permitir calefactar o edificio e xerar auga quente sanitaria a través da biomasa, o que supón un aforro próximo aos 90 MWh ao ano en combustibles fósiles.

Esta actuación, ademais de ter un carácter exemplar ao levarse a cabo nunha administración pública, terá un custo cero para o concello de Ribas de Sil, xa que se desenvolveu a través dunha empresa de servizos enerxéticos (ESE). Estas organizacións proporcionan o servizo sen custo inicial para o usuario, baseando o pago dos mesmos nos aforros de enerxía obtidos a a través da nova instalación.

Con estas axudas á instalación de caldeiras de biomasa no sector público, a Consellería de Economía e Industria avanza na súa estratexia de aforro e eficiencia enerxética a través de instalacións limpas que permiten diminuír tanto o custo enerxético como as emisións de CO2 á atmosfera.