INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UNHA NOVA EDICIÓN DO CURSO DE XESTOR PARA A EFICIENCIA IMPULSADO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA PERMITE AVANZAR NA FORMACIÓN DE ESPECIALISTAS NESTE ÁMBITO

05/02/2012

- A inscrición pode realizarse a través da páxina web do Inega –www.inega.es- a partir de mañá luns e ata o 26 de febreiro.

- Na primeira edición deste curso rexistráronse máis de 1.200 solicitudes para o centenar de prazas ofertadas.

- A xestión enerxética, a edificación sostible, as instalacións eléctricas e térmicas ou a integración de enerxías renovables son algúns dos temas que aborda o programa.

Santiago, 5 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, na súa aposta por impulsar o aforro e a eficiencia enerxética mediante a formación de especialistas neste ámbito, desenvolverá a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) a segunda edición do Curso “Xestor para a eficiencia”, despois do éxito alcanzado na primeira convocatoria. A través do mesmo, formarase aos participantes no ámbito da eficiencia enerxética, o que permitirá poñer a disposición das empresas profesionais cualificados que faciliten a adopción de solucións enerxeticamente eficientes.

Nesta ocasión, o curso, que se desenvolverá online, conta cun total de 200 prazas dispoñibles, dividíndose en doce bloques temáticos. Así, os participantes poderán afondar en diferentes áreas de interese como a xestión enerxética, a edificación sostible, as instalacións eléctricas ou térmicas, o transporte ou a integración de enerxías renovables.

A inscrición nesta segunda edición do curso poderá realizarse a través da páxina web do Inega –www.inega.es- a partir de mañá luns e ata o 26 de febreiro. O comezo está previsto para o mes de marzo, publicándose o programa progresivamente na plataforma do curso, de xeito que cada alumno poderá planificar o seu ritmo de traballo dentro do períodos estipulados. Realizarase un exame final de xeito presencial, que terá lugar na Escola Galega de Administracións Públicas o 19 de xullo.

A primeira edición deste curso, que vén de rematar recentemente, contou cunha alta demanda por parte dos profesionais, rexistrando máis de 1.200 solicitudes para cubrir o centenar de prazas ofertadas.