INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

OS PLANS DE INSPECCIÓN DE INSTALACIÓNS TÉRMICAS DE ECONOMÍA E INDUSTRIA DETECTAN POSIBILIDADES DE AFORRO ENERXÉTICO NO 90% DOS MÁIS DE 2.200 INMOBLES SUPERVISADOS

11/02/2012

- A adopción das medidas permite alcanzar un aforro enerxético medio superior ao 25% nos inmobles do sector servizos e nas comunidades de veciños, mentres que nas vivendas unifamiliares se chegaría ao 16%.

- Un inmoble do sector servizos pode reducir de media o seu consumo enerxético en 30.000 kWh/ano, obtendo un aforro económico de 2.400 euros, e unha comunidade de veciños aforraría 49.000 kWh/ano e case 4.000 euros.

- As inspeccións inclúen unha revisión gratuíta completa e un ditame con propostas de melloras ou modificacións para incrementar a eficiencia enerxética.

- Paralelamente ás revisións, informouse sobre as distintas liñas de axuda do Inega, facilitándose a solicitude de axudas ás que acollerse para levar a cabo as medidas de optimización enerxética propostas.

Santiago, 11 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria detectou posibilidades de aforro enerxético no 90% dos máis de 2.200 inmobles supervisados nos tres Plans de Inspección de Eficiencia Enerxética de Instalacións Térmicas desenvolvidos polo Instituto Enerxético de Galicia no que vai de lexislatura.

Este programa, que se inclúe na aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola potenciación do aforro e da eficiencia enerxética, tivo como obxectivo principal coñecer o estado en que se atopaban as instalacións térmicas, tanto do sector servizos como das comunidades de veciños e das vivendas particulares. Cada unha das inspeccións realizadas polo Inega incluíu unha revisión gratuíta completa de cada un dos inmobles, así como a elaboración dun ditame coa finalidade de asesorar ao titular da instalación para propoñerlle melloras ou modificacións orientadas a incrementar a eficiencia enerxética.

Tanto nos inmobles do sector servizos como nas comunidades de propietarios poderíase alcanzar un aforro medio superior ao 25% no consumo de calefacción e auga quente sanitaria, mentres que nas vivendas unifamiliares se chegaría ao 16%. Ademais, o aforro de auga quente sanitaria, utilizando fontes de enerxía renovable, superaría o 60%.

Estas porcentaxes tradúcense, nun edificio do sector servizos, nun aforro enerxético medio de 30.000 kWh/ano, o que suporía un aforro económico de 2.400 euros por exercicio, evitándose a emisión a atmosfera de máis de 8.500 toneladas de CO2. No caso dunha comunidade de veciños, o beneficio enerxético ascendería ata os 49.000 kWh/ano, xerándose unha ganancia de case 4.000 euros en doce meses, e impedíndose a emisión de 14.000 toneladas de CO2. Pola súa banda, un particular que adoptase as medidas na súa vivenda reduciría o consumo medio en calefacción en 960 kWh/ano, aforrando 77 euros e diminuíndo as emisións de CO2 en 275 toneladas por exercicio.

Axudas para adoptar as medidas
Paralelamente ao desenvolvemento do Plan desde o inicio da lexilatura, o Inega informou sobre as distintas liñas de axuda a cada un dos propietarios das instalacións analizadas. Así, nos ditames realizados suxeríronse as diferentes subvencións ás que se podían acoller para levar a cabo as devanditas medidas de optimización enerxética propostas.

As liñas de axuda do Inega para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións térmicas dos edificios poden chegar a cubrir ata o 35% do investimento total da obra, mentres que as subvencións destinadas a contemplar a incorporación da enerxía solar térmica abranguen, con carácter xeral, un 35% do investimento subvencionable, que para o caso concreto de instalacións municipais alcanza o 45%.