INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PON EN MARCHA UN PLAN PILOTO QUE PERMITIRÁ AOS CONCELLOS REDUCIR CUSTOS ENERXÉTICOS E ECONÓMICOS NA ILUMINACIÓN PÚBLICA

14/02/2012

- O Instituto Enerxético de Galicia comprobará as vantaxes do uso de tecnoloxía eficiente cun programa experimental que se ensaiará en nove municipios galegos.

- Os participantes neste ensaio serán Boqueixón e Boiro na provincia da Coruña; Foz e Taboada, en Lugo; Arnoia e Pontedeva, en Ourense; e Nigrán, Moraña e Ribadumia na provincia de Pontevedra.

- Substituiranse luminarias e equipos por outros máis eficientes, o que permitirá acadar aforros enerxéticos de ata o 60%, repercutindo tamén na factura eléctrica.

- O custo total das actuacións ascende aos 500.000 euros, dos cales o Inega achegará o 40%.

Santiago, 14 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), traballa nun proxecto piloto de tecnoloxía eficiente en iluminación pública que permitirá aos concellos galegos reducir custos enerxéticos e económicos. A través deste programa experimental, que se ensaiará en nove concellos galegos, desenvolveranse diferentes programas de actuación co obxecto de probar o comportamento da tecnoloxía eficiente de aforro enerxético en iluminación pública, permitindo dotar aos municipios dos sistemas más avanzados.

Así, mediante este plan piloto ensaiarase a posta en práctica de medidas de aforro e eficiencia enerxética en puntos estratéxicos dos concellos que, ademais da conseguinte redución de custos enerxéticos e económicos e a potenciación dun uso racional da enerxía levarán aparelladas unha mellora na calidade do servizo público, así como unha repercusión directa na protección do medio ambiente.

Os participantes no proxecto serán Boqueixón e Boiro na provincia da Coruña; Foz e Taboada, en Lugo; Arnoia e Pontedeva, en Ourense; e Nigrán, Moraña e Ribadumia na provincia de Pontevedra. O custo total das actuacións ascende aos 500.000 euros, dos cales o Inega achegará o 40%.

Aforros de ata o 60% no consumo eléctrico
Este proxecto piloto contempla tres opcións distintas en función dos municipios: a instalación de reactancias electrónicas regulables, a substitución de puntos de luz por outros electrónicos de menor consumo, e a instalación de tecnoloxía LED. O desenvolvemento de cada un deles permitirá acadar aforros enerxéticos que oscilan entre o 30% e o 60%, coa súa correspondente repercusión na factura eléctrica.

O departamento que dirixe Javier Guerra continúa así prestando unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos, que se materializa, entre outras actuacións, a través dun amplo programa de axudas que alcanzan ata un 75% da contía subvencionable.