INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UN CENTO DE EDIFICIOS BENEFÍCIANSE XA DO PLAN RENOVE DE ILUMINACIÓN INTERIOR DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PARA ACADAR AFORROS DE A PARTIR DO 30% DO CONSUMO

18/02/2012

- O plan estará vixente ata o 30 de xullo, aspirando a realizar actuacións nun total de 250 edificios que permitirán un aforro enerxético de 1,9 millóns de kWh/ano.

- A iniciativa está destinada a proxectos en pisos particulares, bloques de vivendas e edificios do sector servizos.

- Todos eles contan con distintas axudas que poden alcanzar ata o 25% do custo da nova instalación.

Santiago, 18 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), leva investidos xa máis de 190.000 euros do case medio millón destinado para a segunda edición do Plan Renove de Iluminación Interior. Grazas a este investimento, desde a posta en marcha do plan a comezos deste mes, asignáronse un cento de proxectos que permitirán dotar de sistemas máis eficientes a pisos particulares, bloques de vivendas e edificios do sector servizos.

A través do Renove de Equipos de Iluminación Interior, o Inega está a promover a substitución de lámpadas e luminarias tradicionais por outras de maior eficiencia, o cambio de balastos convencionais por electrónicos, e a instalación de sistemas de regulación de control a través de fotocélula e de detectores de presenza. Todas estas actuacións teñen que levar asociada unha diminución anual de, ao menos, un 30% do consumo de enerxía convencional, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa a realizar.

O plan estará vixente ata o 30 de xullo, aspirando a realizar actuacións en 250 edificios da Comunidade, permitindo un aforro de enerxía primaria eléctrica de 1,9 millóns de kWh/ano, e evitando a emisión de 300 toneladas de CO2 á atmosfera. Ademais, prevese un investimento asociado de case 2 millóns de euros.

As axudas poden alcanzar ata o 25% do custo da nova instalación, esixíndose un investimento mínimo de 500 euros. Os límites máximos son de 1.500 euros no caso dos pisos, 10.000 euros en bloques de vivendas, e 25.000 en edificios do sector terciario.

Así mesmo, e como ven sendo habitual neste tipo de plans, as axudas estanse a tramitar a través de entidades colaboradoras, que desta volta suman xa 205. Estas fan a solicitude de reserva de fondos na aplicación web habilitada, realizando a obra e cobrando o importe co desconto correspondente nos 60 días posteriores á solicitude.