INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O SISTEMA DE DIAGNOSE ENERXÉTICA ON-LINE DE ECONOMÍA E INDUSTRIA DETECTA UN POTENCIAL DE AFORRO DE MÁIS DO 14% NAS EMPRESAS GALEGAS

19/02/2012

- O Inega traballa na posta en marcha dun servizo específico de asesoramento neste ámbito.


- Os usuarios desta sinxela aplicación poden axustar o seu consumo substituíndo lámpadas por outras máis eficientes, empregando sistemas automáticos de control do acendido ou instalando mecanismos de medición de consumo.


- No aspecto térmico, as empresas deben adecuar as temperaturas en función da súa ocupación e da actividade a realizar, optimizar o funcionamento das caldeiras e mellorar os cerramentos.

Santiago, 19 de febreiro de 2012.- O sistema de Diagnose Enerxética On-line para Pemes da Consellería de Economía e Industria, ao que se pode acceder a través da páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es), suma 356 auditorías desde a súa posta en marcha. Destas, rematáronse xa un total de 40 detectándose nelas un potencial de aforro enerxético do 14,3%. Así, as empresas que empregaron o servizo poden mellorar o seu consumo enerxético e, por conseguinte, os distintos custos derivados do mesmo grazas a esta sinxela aplicación.

Entre as medidas fundamentais a adoptar atópanse, na enerxía eléctrica, a substitución de lámpadas por outras máis eficientes, a utilización de sistemas automáticos de control do acendido ou a instalación de mecanismos de medición de consumo. No ámbito da enerxía térmica, as empresas deben adecuar as temperaturas en función da súa ocupación e da actividade que realizan, optimizar o funcionamento das caldeiras e mellorar os cerramentos. Así mesmo, tamén se detectan posibilidades de aforro en materia de transporte, a través do emprego de vehículos con axeitado consumo ou da posta en práctica dunha condución máis eficiente.

Ata o de agora, os usuarios desta ferramenta amosan un nivel de satisfacción notable. A aplicación consta de dous niveis, un básico e outro especializado, sumando doce bloques temáticos seleccionados segundo as principais necesidades manifestadas polas pemes.

O primeiro nivel, máis sinxelo, suma 300 usuarios dados de alta, que poden formular preguntas de formas rápida e sinxela, recibindo, a raíz delas, un informe de recomendacións sobre aforro e eficiencia enerxética. O nivel dous, pola súa banda, conta con 56 usuario que realizan un segundo cuestionario máis especializado, baseado nas respostas do primeiro. O resultado é un informe adaptado á situación da empresa, que poderá incluír un balance enerxético detallado cunha estimación do reparto do consumo eléctrico.

Asesoría enerxética ás pemes
Ante os bos resultados desta aplicación, o Inega traballa nestes momentos na posta en marcha dun servizo específico para asesorar en materia enerxética as empresas. Este servizo permitirá resolver directamente as dúbidas que xorden á hora de por en marcha as melloras recomendadas na auditoría: pactar prezos da enerxía no mercado, normativa enerxética, liñas de axuda.

Así, as pemes galegas poderán ser orientadas nas distintas cuestións relacionadas co eido enerxético, mellorando os seus ratios de consumo e, por tanto, a súa competitividade. Este achegamento á problemática cotiá das empresas permitirá á Consellería axustar as súas actuacións de fomento da eficiencia ás demandas reais dos distintos sectores de actividade.