INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O RENOVE DE CLIMATIACIÓN DE ECONOMÍA E INDUSTRIA AXUDA XA Á SUBSTITUCIÓN DE MÁIS DE 700 EQUIPOS POR OUTROS MÁIS EFICIENTES

20/02/2012

- O plan, vixente ata o 30 de xuño, prevé cambiar máis de 1.200 caldeiras de condensación, equipos de aire acondicionado e bombas de calor.

- O obxectivo do programa é obter un aforro de enerxía primaria de máis de 143 toneladas equivalentes de petróleo reducindo o consumo das instalacións de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria.

- As axudas, de ata o 30% do custo total da obra, poden superar os 3.800 euros.

Santiago, 20 de febreiro de 2012.- O Plan Renove de Equipos de Climatización, que a Consellería de Economía e Industria ten en marcha a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), recibiu xa máis de setecentas solicitudes para a substitución de caldeiras de condensación, bombas de calor ou equipos de aire acondicionado por outras máis eficientes.

Con este plan, que estará vixente ata o 30 de xuño, prevese substituír máis de 1.200 equipos por outros máis eficientes, e reducir así o consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria. Con isto obteríase un aforro de enerxía primaria de máis de 143 toneladas equivalentes de petróleo ao ano, o que supón evitar a emisión de máis de 574 toneladas de CO2 á atmosfera.

As solicitudes recibidas ata o momento nos 350 establecementos que participan no programa, despois de que se abrise o prazo o pasado 26 de xaneiro, representan un importe total de case medio millón dos 900.000 euros de orzamento de que dispón o programa.

As axudas dependen da potencia do equipo, chegando no caso das caldeiras de condensación ata os 1.320 euros, e para equipos de aire acondicionado e bombas de calor ata 3.840 euros. A axuda pode alcanzar ata o 30% do custo total da obra.

Os interesados teñen dispoñible a listaxe de empresas colaboradoras na web do Instituto Enerxético de Galicia –www.inega.es-. Para obter a axuda, o comprador tense que pór en contacto cunha destas entidades, que reservará os fondos mediante unha aplicación habilitada a tal efecto, tendo despois 60 días para instalar o equipo e cobrar o importe aplicando o desconto correspondente.