INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PORÁ A DISPOSICIÓN DOS CONCELLOS UN SERVIZO DE ASESORÍA ENERXÉTICA DO INEGA PARA RESOLVER DÚBIDAS E AFORRAR NO CONSUMO ELÉCTRICO

21/02/2012

- A contratación da electricidade no mercado libre, os prezos da enerxía, a modernización do mantemento, ou as empresas de servizos enerxéticos serán algunhas das cuestións sobre as que se prestará asesoramento.

- Tamén se facilitará información sobre as distintas liñas de axuda ofrecidas polo Inega, a través das cales leva apoiado aos concellos con máis de 3,6 millóns no último ano.

- Estas axudas destináronse á realización de auditorías enerxéticas, a renovación das instalacións de iluminación pública exterior por outras máis eficientes, ou para a instalación de enerxías renovables nas súas instalacións.

 Santiago, 21 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), traballa na próxima posta en marcha dun servizo de asesoría enerxética para os concellos co obxectivo de facilitar a toma de decisións relacionadas co consumo eléctrico, contribuíndo á potenciación do aforro e a eficiencia enerxética.

A través deste servizo específico, centralizarase a atención que se ofrece aos municipios para que poidan resolver e aclarar as dúbidas que lles xorden en campos como a contratación da electricidade no mercado libre, os prezos a pagar pola enerxía ou a modernización do mantemento. Tamén poderán obter información sobre empresas de servizos enerxéticos –empresas que proporcionan servizos enerxéticos ou de mellora da eficiencia enerxética amortizando ditos servizos en función dos beneficios obtidos das melloras na eficiencia enerxética-.

Así mesmo, o servizo servirá tamén para que os concellos poidan consultar as múltiples liñas de axuda que o Inega pon cada ano á súa disposición. A través destas liñas, o Inega leva concedidos no último ano máis de 3,6 millóns de euros para que os municipios realicen auditorías enerxéticas, renoven as instalacións de iluminación pública exterior por outras máis eficientes, aborden estudos de viabilidade para a elaboración de planes de mobilidade urbana sostible, ou aposten polas enerxías renovables nas súas instalacións.

Esta asesoría específica para concellos complementará á ferramenta informática de cálculo das tarifas eléctricas na que está a traballar tamén o Inega, e que estará a disposición dos concellos nas vindeiras semanas. A través desta aplicación, os municipios poderán consultar a idoneidade da potencia contratada, comprobar a coherencia dos consumos en función do tipo de subministro, ou estudar a conveniencia de optar pola discriminación horaria. Os resultados obtidos poderán ser cotexados neste novo servizo de asesoría enerxética, resolvendo as dúbidas cos técnicos do Inega empregados na mesma.

Co desenvolvemento deste novo servizo específico, a Consellería de Economía e Industria reitera a súa aposta polo aforro e a eficiencia enerxética ao tempo que contribúe ao aforro económico dos concellos, que en función das súas características poden solicitar distintas liñas de axuda postas en marcha polo Inega, como as destinadas á realización de auditorías enerxéticas ou a substitución de luminarias por outras máis eficientes.