INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PON EN MARCHA UN MÓDULO ITINERANTE QUE PERCORRERÁ AS CIDADES GALEGAS PARA PROMOVER O AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA ENTRE A CIDADANÍA

24/02/2012

- A sede móbil permanecerá ata o vindeiro domingo na praza de Lugo da Coruña.

- Cada xornada acollerá dúas mesas redondas sobre temáticas como a eficiencia enerxética na rehabilitación de vivendas, a dispersión poboacional como reto para a eficiencia no transporte, ou a responsabilidade social e a contaminación urbana.

- Achegaranse aos habitantes as distintas actuacións e liñas de axuda promovidas polo Inega das que se poden beneficiar para mellorar os seus consumo e ser máis eficientes.

- O consumo de enerxía das familias galegas representa xa un 30%, e o consumo enerxético industrial sitúase no 49% do total.

A Coruña, 24 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), presentou hoxe na Coruña un Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, que estará ata o vindeiro domingo na Praza de Lugo desta cidade, e que percorrerá durante as próximas semanas os principais municipios galegos co obxectivo de promover o aforro e a eficiencia enerxética. O módulo servirá como punto de encontro a través do cal divulgar un uso razoable da enerxía e os métodos más eficaces de aforro, dando exemplos para a súa aplicación tanto nos fogares como nas empresas.

Tal e como sinalou o director do Inega, Eliseo Diéguez García, no acto de presentación do proxecto, “o consumo de enerxía das familias galegas representa xa un 30% do total da Comunidade, supondo, de media, uns 2.600 euros anuais, polo que un dos piares da política enerxética da Xunta é o fomento do aforro e os seus beneficios ambientais e económicos”.

A iniciativa, que conta coa colaboración de Fundainnovación, fundación promovida por novos emprendedores galegos, cobra especial relevancia para concienciar a cidadanía nas distintas posibilidades que se lle ofrecen a diario no campo do aforro e da eficiencia enerxética. Para tal fin, o módulo acollerá cada xornada dúas mesas redondas que abordarán diferentes temáticas: eficiencia enerxética na rehabilitación de vivendas, a dispersión poboacional como novo reto para a eficiencia no transporte, a responsabilidade social e a contaminación urbana, ou o poder do usuario nun emprego razoable da enerxía.

Ademais, realizaranse entrevistas en directo con especialistas en aforro enerxético e con responsables dos concellos, resolveranse as diferentes dúbidas plantexadas polos cidadáns na materia, e achegaranse cuestionarios para que a poboación poida coñecer o seu nivel de eficiencia enerxética.

Así mesmo, o módulo permitirá tamén pór a disposición do público información sobre as distintas actuacións e liñas de axuda promovidas polo Inega, que se encadran dentro dun ambicioso plan de acción deseñado pola Consellería de Economía e Industria e que aspira a mellorar a eficiencia e os consumos enerxéticos de todos os sectores económicos: industria, transporte, edificación, servizos públicos, equipamento doméstico, agricultura e pesca, e transformación da enerxía.

Así, o programa de actuacións de aforro e eficiencia enerxética do departamento que dirixe Javier Guerra leva investidos, no que vai de lexislatura, máis de 58 millóns de euros nas distintas áreas, que permitiron xerar un investimento asociado de case 170 millóns e alcanzar un aforro económico de 90 millóns de euros. Ademais, estas accións evitaron a emisión á atmosfera de 42.000 toneladas de CO2.

Os que se acheguen ata o módulo poderán obter información sobre os Plans Renove, que contribúen dun modo adecuado e sinxelo a acadar unha maior eficiencia enerxética en distintos ámbitos dos fogares galegos: iluminación, climatización, electrodomésticos, transporte. Ademais, poderán acceder á Guía de Aforro da Enerxía, da que se levan distribuídos xa preto de 15.000 exemplares, ou coñecer de primeira man o programa de axudas para aforro e eficiencia e para enerxías renovables promovido polo Inega.