INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A CALDEIRA DE BIOMASA DA RESIDENCIA DE MAIORES DE SARRIA INSTALADA CO APOIO DA XUNTA PERMITIRÁ AFORRAR 22.000 EUROS ANUAIS EN CONSUMO

25/02/2012

- A nova instalación, que contou co financiamento do Inega a través da convocatoria especial para caldeiras de biomasa en edificios de administracións públicas.

- A instalación da caldeira suporá un aforro de 450 MWh ao ano en combustibles fósiles.

- O equipo evitará, cada ano, a emisión de 130 toneladas de CO2 á atmosfera.

Sarria, 25 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ven de apoiar a instalación dunha nova caldeira de biomasa na Residencia de Maiores Nosa Señora Do Carmen do Concello de Sarria.

O proxecto, desenvolvido a través da convocatoria especial para caldeiras de biomasa en edificios de administracións públicas posta en marcha polo Inega, permitirá ao concello lucense acadar un aforro anual de 22.000 euros con respecto a un consumo de gasóleo, evitándose deste xeito a emisión de 130 toneladas de CO2 ao ano.

O Inega fixo posible a posta en marcha desta nova instalación cun financiamento do 20% do custo do proxecto. A caldeira aporta ao complexo unha solución integral ao permitir calefactar o edificio e xerar auga quente sanitaria a través da biomasa, o que supón un aforro de 450 MWh ao ano en combustibles fósiles.

Esta actuación, a parte de ter un carácter exemplar ao levarse a cabo nunha administración pública, terá un custo cero para o concello de Sarria, xa que se desenvolveu a través dunha empresa de servizos enerxéticos (ESE). Estas organizacións proporcionan o servizo sen custo inicial para o usuario, baseando o pago dos mesmos nos aforros de enerxía obtidos a a través da nova instalación.

Con estas axudas á instalación de caldeiras de biomasa no sector público, a Consellería de Economía e Industria avanza na súa estratexia de aforro e eficiencia enerxética a través de instalacións limpas que permiten diminuír tanto o custo enerxético como as emisións de CO2 á atmosfera.