INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A WEB DO INEGA DUPLICA O NÚMERO DE VISITAS COS PLANS RENOVE COMO OS CONTIDOS DE MAIOR INTERESE

26/02/2012

- A páxina deste Instituto da Consellería de Economía e Industria chega ás 42.300 visitas en xaneiro.


- Estas cifras resaltan o éxito da nova web, posta en marcha o ano pasado priorizando o acceso rápido e sinxelo ás subvencións e aos plans renove.

- Desde o seu redeseño, a páxina web do Inega aproxímase ás 250.000 visitas.

- O incremento débese á interese suscitada polas axudas á renovación de Equipos de Iluminación Interior, Climatización e Fiestras, co obxectivo de potenciar o aforro e a eficiencia enerxética.

Santiago, 26 de febreiro de 2012.- A páxina web do Instituto Enerxético de Galicia –www.inega.es-, renovada pola Consellería de Economía e Industria en abril do ano pasado, duplicou o seu número de visitas no mes de xaneiro. Así, se a páxina viña rexistrando unha media mensual dunhas 22.000 visitas, durante o mes pasado sumou máis de 42.300. Este incremento débese, fundamentalmente, á interese suscitada polos plans renove de Equipos de Iluminación Interior, de Climatización e de Fiestras, que teñen como obxectivo potenciar o aforro e a eficiencia enerxética.

Esta elevada demanda de consultas recibidas na nova web avala as reformas e melloras introducidas. O novo deseño, posto en marcha o ano pasado, centrouse na usabilidade e o acceso á información, creándose unha nova organización de contidos, que facilita a consulta dos mesmos por parte dos visitantes.

As cifras alcanzadas subliñan o éxito da nova páxina, que priorizou na súa reforma o acceso rápido e sinxelo ás subvencións e aos plans renove, facilitando aos usuarios a información máis útil sobre ás axudas dispoñibles en cada momento. En total, desde o seu redeseño, a páxina do Inega aproxímase ao cuarto de millón de visitas, cunha duración media das mesmas de sete minutos.

Os contidos máis visitados, ao marxe dos plans Renove, son aqueles relacionados coa formación, como as dúas edicións desenvolvidas do Curso Xestor para a Eficiencia: unha xa rematada e a outra co prazo de inscrición aberto.

Compre lembrar, tamén, a optimización da accesibilidade da web do Inega. O novo sistema de navegación permite mellorar o manexo e a lectura ás persoas con discapacidades ou limitacións sensoriais, motoras ou cognitivas, dando así o Inega un paso máis dentro da responsabilidade corporativa cara ao cidadán.