INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA E O COLEXIO OFICIAL DE APARELLADORES DE LUGO PROMOVEN UN CURSO PARA ACHEGAR AOS PROFESIOANIS DO SECTOR O MARCO NORMATIO SOBRE EFICIENCIA ENERXÉTICA E SOSTIBILIDADE

27/02/2012

- Un grupo de 24 profesionais do ámbito da construción recibirán formación dende hoxe e ata o próximo venres sobre temas como a arquitectura bioclimática e a instalación de sistemas térmicos eficientes.

Lugo, 27 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e en colaboración co Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Lugo, promove dende a tarde de hoxe e ata o próximo venres o curso Eficiencia Enerxética e Sostibilidade, unhas xornadas formativas orientadas a mellorar a preparación no eido do aproveitamento enerxético dos profesionais do sector da construción e o deseño de edificación.

Este curso, no que está confirmada a asistencia como alumnos de 24 profesionais do ámbito da construción, contará coa presenza como profesores de especialistas no eido lexislativo, no desenvolvemento de proxectos con enerxías renovables, na instalación de sistemas térmicos e na arquitectura bioclimática.

O obxectivo deste curso de especialización é incrementar a formación dos profesionais da planificación da construción en aras a contar cunha edificación e un urbanismo sostible, adecuado ás circunstancias actuais e que ofreza as posibilidades como para sentar as bases para o desenvolvemento futuro.

Neste sentido, o curso formativo busca tamén actuar para incrementar a perdurabilidade e sostibilidade das construcións civís, facilitando de paso o aproveitamento eficiente de recursos e a protección de espazos naturais, acercando as leis e normativas encadradas en marcos como Plan de Ordenación do Litoral (POL) aos profesionais do sector.

Este curso, organizado pola Consellería de Economía e Industria en colaboración co colexio do colectivo de aparelladores lucense, desenvolverase dende a tarde de hoxe ata o próximo venres, en horario de 16.00 horas a 20.00 horas no salón de actos da propia sede colexial.