INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O MÓDULO ITINERANTE DE EFICIENCIA ENERXÉTICA DO INEGA ABORDARÁ MAÑÁ EN FERROL O USO RACIONAL DO TRANSPORTE E A REHABILITACIÓN

28/02/2012

- A iniciativa impulsada por Economía e Industria está a percorrer as sete cidades galegas.

- Por medio dese punto móbil, que será inaugurado mañá, achéganse a rúa os consellos para conseguir aforrar enerxía e ser máis eficientes.

- O módulo poderá visitarse ata o xoves pola tarde, resolvendo de xeito individualizado as consultas cidadás.

- Ademais, achegarase á poboación información sobre as distintas actuacións e liñas de axuda promovidas polo Inega e das que se poden beneficiar.

Ferrol, 28 de febreiro de 2012.- O Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega, chegará mañá a Ferrol, onde se situará na Praza de Armas para facilitar á cidadanía diferentes consellos e prácticas para aforrar enerxía en distintos ámbitos. A sede móbil, que será inaugurada polo director do Inega, Eliseo Diéguez García, permanecerá aberta ao público ata o xoves pola tarde, antes de continuar o seu percorrido polas principais cidades galegas.

Durante os dous días que o módulo permanecerá na Praza do Concello, celebraranse distintas mesas relacionadas co aforro e a eficiencia enerxética nas que intervirán profesionais do sector. Así, para mañá está previsto tratar a dispersión poboacional e as súas implicacións na mobilidade e no uso racional do transporte, e as posibilidades que ofrece o sector da rehabilitación nun uso eficiente da enerxía. Todos aqueles que o desexen poderán acercarse ata o módulo para escoitar os debates, participando das propostas que se aborden.

Deste xeito, o módulo actúa como punto de encontro a través do cal divulgar un uso razoable da enerxía e os métodos máis eficaces de aforro, dando exemplos para a súa aplicación tanto nos fogares como nas empresas.

Así mesmo, a sede conta con profesionais que asesoran sobre as distintas posibilidades que xorden a diario no campo do aforro e da eficiencia enerxética, ao tempo que achega aos habitantes información sobre as distintas actuacións e liñas de axuda promovidas polo Inega.