INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O MODULO ITINERANTE DE EDICIENCIA ENERXÉTICA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA AXUDARÁ AOS FERROLÁNS A REDUCIR O GASTO EN ENERXÍA

29/02/2012

- O director do Inega subliña o "papel relevante de cada cidadán no aforro enerxético".

- "O proxecto supón unha aposta comprometida coas iniciativas de información, divulgación e sensibilización en aforro y eficiencia enerxética, implicando aos cidadáns na mellora e sostibilidade do modelo enerxético".

- "No Módulo aténdese dun xeito individual aos cidadáns para resolver as súas dúbidas no eido da enerxía".

- "Levánse a cabo mesas redondas sobre o uso racional do transporte, as posibilidades que ofrece o sector da rehabilitación, ou os problemas de contaminación e saúde derivados dun mal uso da enerxía".

- "Infórmase sobre as distintas actuacións e liñas de axuda da Consellería de Economía e Industria para o fomento do aforro e a eficiencia enerxética".

- "A sede móbil permanecerá na Praza de Armas do Concello durante hoxe e mañá".

Ferrol, 29 de febreiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria traslada o Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética do Inega a Ferrol para seguir achegando aos galegos distintos exemplos prácticos que fomentan un uso axeitado dos recursos e a redución dos custos enerxéticos de familias e empresas.

Durante a presentación do Módulo Itinerante en Ferrol, o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) da Consellería, Eliseo Diéguez García, resaltou o “papel relevante que debe xogar cada cidadán” en materia de aforro e eficiencia enerxética e engadiu que o proxecto supón unha aposta comprometida coas iniciativas de información, divulgación e sensibilización neste eido, implicando aos cidadáns na mellora e sostibilidade do modelo enerxético.

Neste sentido, Diéguez lembrou que o consumo de enerxía das familias representa xa un 30% do total, o que supón un custo aproximado de 2.600 euros ao ano. Ante esta perspectiva, o director do Inega recordou que este proxecto “mellorará a concienciación dos galegos para favorecer o aforro enerxético”.

“Esta iniciativa supón un valor engadido para a nosa sociedade”, incidiu o director do Instituto. De xeito que na sede móbil, que permanecerá na Praza de Armas do Concello de Ferrol durante hoxe e mañá, atenderase aos cidadáns, dun xeito individual, resolvendo as súas dúbidas no eido da enerxía.

Así mesmo, informaráselles sobre as distintas actuacións e liñas de axuda promovidas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, que van desde os Plans Renove, que contribúen dun modo adecuado e sinxelo a acadar unha maior eficiencia enerxética en distintos ámbitos dos fogares galegos –iluminación, climatización, electrodomésticos, transporte-, ata os programas de axudas para aforro e eficiencia e para enerxías renovables.

Tamén están programadas diversas mesas redondas que abordarán hoxe a implicación da dispersión poboacional na mobilidade e no uso racional do transporte, así como as posibilidades que ofrece o sector da rehabilitación para un uso eficiente da enerxía, mentres que mañá debaterase sobre fontes de enerxía e problemas de contaminación e saúde, derivados dun mal uso destas fontes.

Para concluír, o director do Inega salientou que “o fomento de fontes limpas e o impulso de solucións para a eficiencia enerxética supoñen importantes retos que deben ser compartidos pola poboación”.