INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

JAVIER GUERRA SALIENTA O ESFORZO CONTINUO DA XUNTA A PROL DUN MODELO SOCIAL, ECONÓMICO E ENERXÉTICO SUSTENTABLE, BASEADO NA CALIDADE E NA EFICIENCIA

05/03/2012

5marzo2012- Economía e Industria celebra o Día Mundial da Eficiencia Enerxética con obradoiros para os cativos.

- O conselleiro de Economía e Industria destaca a mensaxe escollida: “Existe só un Día mundial da eficiencia enerxética, pero 366 para facelo posible”.

- Segundo Guerra “o éxito” da estratexia da Xunta neste eido “está en manter un esforzo continuo de aforro e eficiencia”.

- Economía e Industria favoreceu a mobilización de investimentos por preto de 170 millóns de euros e evitou a emisión á atmosfera de 42.000 toneladas de CO2, co programa de aforro e eficiencia do Inega.

- Guerra animou aos cativos a aforrar enerxía e usala dun xeito responsable no día a día.

Santiago, 5 de marzo de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, destacou hoxe, nos actos de celebración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, que o esforzo “continuado” da Xunta a prol da construción dun “modelo social, económico e enerxético sustentable, baseado na calidade e na eficiencia”, xa que na actual conxuntura cómpre “facer mellor as cousas, co mínimo gasto de recursos posible”.

Neste sentido, Guerra destacou a mexase do lema escollido para celebrar esta data: “Existe só un Día mundial da eficiencia enerxética, pero 366 para facelo posible” e engadiu que “o éxito” da estratexia da Xunta, neste eido, “está en manter un esforzo continuo de aforro e eficiencia”.

Guerra sinalou que, como Goberno, Galicia “inclúe a toda a sociedade nesta toma de conciencia a favor do uso responsable da enerxía”, de xeito que no Día Mundial da Eficiencia Enerxética ten trasladado a mensaxe da eficiencia tamén aos máis cativos, co desenvolvemento de dous obradoiros enerxéticos que axudarán aos rapaces a establecer hábitos de consumo enerxético racionais. Neste sentido, o conselleiro animou aos cativos a aforrar enerxía e a usala dun xeito responsable no día a día.

O titular de Economía e Industria explicou que “a Xunta está totalmente comprometida na construción dun modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente”. De feito, un dos alicerces da política enerxética da Consellería que dirixe baséase na promoción do aforro e a eficiencia enerxética.

Programa de aforro e eficiencia do Inega
Neste sentido, subliñou que “só no último ano, promovéronse 17 liñas de axuda no programa de aforro e eficiencia do Inega”, centradas nos concellos galegos, por ser a administración máis próxima aos cidadáns, e tamén en incrementar a competitividade enerxética dos principais sectores produtivos de Galicia.

Nesta lexislatura, ao abeiro destas accións, a Xunta favoreceu a mobilización de investimentos por preto de 170 millóns de euros e fixo posible que se evitara a emisión á atmosfera de 42.000 toneladas de CO2. Guerra lembrou que o Goberno galego ten feito propios os obxectivos da Unión Europea e traballa para que Galicia, no horizonte 2020 logre: aforrar un 20% de enerxía primaria, reducir un 20% na emisión de gases de efecto invernadoiro e xerar un 20% da enerxía a partir de fontes renovables.