INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O MÓDULO DE EFICIENCIA ENERXÉTICA DO INEGA ACHEGARÁ AOS OURENSÁNS CONSELLOS PARA UN USO EFICIENTE DA ENERXÍA

06/03/2012

- A sede móbil permanecerá aberta ao público na Rúa do Paseo ata o vindeiro xoves.

- Con esta iniciativa da Consellería de Economía e Industria asesorarase aos interesados sobre as distintas actuacións e liñas de axuda promovidas polo Inega, para mellorar os seus consumos e ser máis eficientes.

- Celebraranse distintas mesas redondas relacionadas coa contaminación e a saúde; a concienciación cidadá, especialmente dos máis mozos; e a importancia da comunicación neste campo.

- A iniciativa, chega a Ourense tras visitar xa A Coruña, Ferrol e Lugo.

Ourense, 6 de marzo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria traslada o Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética do Inega a Ourense, co obxectivo de seguir achegando aos galegos distintos exemplos prácticos que fomentan un uso axeitado dos recursos e a redución dos custos enerxéticos de familias e empresas.

O módulo, que será presentado mañá polo director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez García, ubicarase na Rúa do Paseo, á altura do número 6, durante os dous próximos días. Durante este tempo, os profesionais que traballan na sede móbil realizarán asesorías enerxéticas individuais a todos aqueles que o desexen, explicándolles as distintas posibilidades de aforro nos seus fogares.

A sede móbil chega a Ourense tras pasar por A Coruña, Ferrol e Lugo, cidades nas que atendeu e asesorou a centenares de galegos en materia de aforro e eficiencia enerxética, explicándolles tanto os beneficios ambientais como os económicos que se derivan deste tipo de actuacións. Así, o módulo configúrase como un punto de encontro próximo ao cidadán no que este pode coñecer as posibilidades diarias para un uso razoable da enerxía e os métodos máis eficaces de aforro, aprendendo exemplos para a súa aplicación tanto no fogar como nas empresas.

Non en vano, o consumo de enerxía das familias galegas supón xa un 30% do total autonómico. Unha cifra que implica un gasto medio anual en enerxía duns 2.600 euros por unidade familiar. Para reducir estes consumos, os ourensáns poderán informarse das distintas liñas de axuda que ofrece o Inega, e que contribúen dun modo adecuado e sinxelo a acadar unha maior eficiencia enerxética en distintos ámbitos dos fogares galegos: iluminación, climatización, electrodomésticos, transporte. Ademais, poderán acceder á Guía de Aforro da Enerxía, ou coñecer de primeira man o programa de axudas para aforro e eficiencia e para enerxías renovables promovido polo Inega.

Así mesmo, durante os dous días que o módulo permanecerá en Ourense, celebraranse distintas mesas redondas, abertas ao público en xeral, e relacionadas con temas como a contaminación e a saúde; a concienciación cidadá, especialmente dos máis mozos; ou a importancia da comunicación neste campo.