INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS XORNADAS FORMATIVAS DE ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVEN MODELOS DE XESTIÓN ENERXÉTICA SOSTIBLE PARA AS EMPRESAS EN VIGO

08/03/2012

- O director do Inega destaca o compromiso da Xunta co Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética da Administración Pública que prevé “aforrar preto de 100 millóns de euros” nos próximos 10 anos.

- Na xornada abordáronse os apoios de institucións como o Inega a través de servizos enerxéticos que contribúen á creación de emprego e ao crecemento dun modelo orientado á eficiencia enerxética.

- O director do Inega destacou o compromiso do Goberno galego co aforro e a eficiencia tanto entre empresas como nos fogares e na propia administración.

- A xornada encádrase dentro do proxecto europeo GE2C´S, que ten por obxectivo mellorar a eficiencia enerxética do sector servizos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

- Este encontro tamén serviu para analizar proxectos pioneiros como a Planta de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno, promovido pola Xunta en Sotavento para investigar a obten.

Vigo, 7 de marzo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), trasladou hoxe a importancia de aplicar solucións de aforro e eficiencia enerxética en tódolos sectores da economía galega, no desenvolvemento da xornada “Modelos de Xestión Enerxética Sostible”, celebrada en Vigo.

O director do Inega, Eliseo Diéguez, salientou na inauguración do acto o labor da Xunta a prol do aforro e da eficiencia enerxética, encamiñado a fomentar este tipo de iniciativas, tanto entre empresas como nos fogares e na propia administración pública. Neste sentido, Diéguez resaltou a especial responsabilidade da administración publica como exemplo de aforro e eficiencia para outras institucións e empresas. O director do Inega destacou o compromiso do Goberno galego a través do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética da Administración Pública, co que prevé “aforrar preto de 100 millóns de euros, máis do 20% da factura enerxética, durante os próximos dez anos”.

Neste contexto, a xornada afondou nos incentivos e plans públicos de financiamento a través de servizos enerxéticos, como os que presta o Inega, neste caso especialmente dirixidos ao mundo empresarial. Tendo en conta que estes apoios terán unha especial relevancia durante os próximos anos, contribuíndo á creación de emprego e á reorientación do modelo de negocio cara o sector da eficiencia enerxética.

A figura das Empresas de Servizos Enerxéticos (ESEs) constitúe un piar fundamental para levar a cabo medidas e actuacións que permitan a consecución dos obxectivos de aforro e eficiencia. Así, a Xunta de Galicia aprobou este ano un investimento de 3,8 millóns de euros para fomentar medidas de eficiencia no marco do Plan de Impulso á Contratación de Servizos Enerxéticos.

Obtención de hidróxeno con enerxía eólica
A xornada permitiu tamén abordar outros temas de interese entre os que destacou a Planta de Acumulación de Enerxía Eólica en forma de Hidróxeno situada no Parque Eólico Experimental de Sotavento. Este proxecto pioneiro, levado a cabo entre a Xunta de Galicia e Gas Natural, persegue a obtención de hidróxeno con enerxía eólica, resultando de gran interese ao permitir adecuar a xeración eólica á demanda enerxética.

Deste xeito, cando a xeración eólica sexa superior á prevista procederase a empregar ese excedente de enerxía para producir hidróxeno, a partir da auga. Este gas será acumulado, para que poda ser utilizado posteriormente, no momento en que sexa necesario, para producir electricidade ou outra enerxía, de xeito que sexa posible aproveitar toda a enerxía eólica producida.

Esta iniciativa promovida pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, no ámbito do proxecto comunitario GE2C´S que ten por obxectivo mellorar a eficiencia enerxética do sector servizos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, estivo especialmente orientada á empresa e serviu para propor e concretar solucións aos distintos retos no campo da eficiencia enerxética. O encontro, no que participaron 140 profesionais, tamén contou co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).
 

O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto.

 logos_GE2C