INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O MÓDULO ITINERANTE DE EFICIENCIA ENERXÉTICA DO INEGA REALIZA PRETO DE 40 ASESORÍAS INDIVIDUALIZADAS DE AFORRO E EFICIENCIA EN OURENSE

09/03/2012

- O que máis preocupa aos cidadáns que se achegaron ao módulo é reducir custos na calefacción e na iluminación.

- Esta iniciativa da Consellería de Economía e Industria permite facer asesoramentos individualizados con profesionais.

- Ata a sede móbil situada na esquina da Rúa do Paseo cos Xardíns do Padre Feijóo achegáronse centos de ourensáns que recibiron consellos prácticos para aforrar enerxía e información sobre as distintas liñas de axuda promovidas pola Consellería de Economía e Industria.

- O Módulo acolleu mesas redondas que trataron sobre a importancia de que os concellos diagnostiquen os seus consumos enerxéticos, e sobre as posibilidades de aforro no fogar.

Ourense, 9 de marzo de 2012.- O Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega, realizou preto de 40 asesorías individualizadas en Ourense, onde tamén achegou información detallada, con guías e catálogos, a centenares de ourensáns.

Así, durante os dous días que o módulo permaneceu na esquina da Rúa do Paseo cos Xardíns do Padre Feijóo, realizáronse auditorías enerxéticas personalizadas entre os numerosos cidadáns que se desprazaron ata o lugar. Cada unha destas asesorías contou cunha duración aproximada duns vinte minutos. Durante este tempo, os profesionais que traballan no módulo, expertos no ámbito do aforro e da eficiencia enerxética, avaliaron o nivel de eficiencia enerxética do consumidor a través dun cuestionairo e trasladáronlles consellos prácticos.

As dúas principais preocupacións detectadas foron, dun lado, as posibilidades de reducir custos a través dos sistemas de calefacción e, doutro, a conveniencia de apostar por equipos de iluminación de baixo consumo, especialmente LEDS.

Nestas auditorías avalíase, tamén, a ubicación e o tipo de edificio no que reside o interesado, así como a orientación e o número de estancias interiores e exteriores. A calidade das fachadas; o custo da factura da calefacción e os graos aos que se emprega; a utilización ou non do aire acondicionado e máis das fontes renovables no fogar; ou a aposta polo transporte público en detrimento do vehículo particular son outras das cuestións relacionadas co consumo enerxético que se trataron.

Sobre a base das respostas obtidas, os profesionais ofrécenlle aos cidadáns posibles solucións para mellorar a súa eficiencia enerxética, explicándolles, tamén, as posibilidades de acceso as liñas de axuda promovidas polo Inega, como os Renove de Iluminación ou Climatización, a través dos cales poden substituír as súas lámpadas por outras máis eficientes con subvencións que alcanzan un 25% do custo, ou apostar por equipos de climatización de baixo consumo, con axudas de ata un 30%.

O módulo acolleu, tamén, dúas mesas redondas que trataron sobre a importancia de que os concellos diagnostiquen os seus consumos enerxéticos, e sobre as opcións de aforro no fogar. Así, no primeiro tema, afondouse nas posibilidades de aforrar enerxía para os concellos máis pequenos ante a imposibilidade que teñen, moitas veces, de contar coa figura do xestor de eficiencia enerxética. A creación de mancomunidades para traballar neste campo e o seguimento e control de todas as facturas foron algunhas das solucións propostas.