INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O MÓDULO DE EFICIENCIA ENERXÉTICA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA CHEGA A PONTEVEDRA PARA FOMENTAR O AFORRO NO TRANSPORTE E NAS VIVENDAS

10/03/2012

- Esta iniciativa ofrece aos pontevedreses a posibilidade de facer asesorías de aforro e eficiencia enerxética personalizadas con especialistas.

- No Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, que está hoxe e mañá na Praza de España, celebraranse mesas redondas abertas ao público.

- Os cidadáns están a resolver as súas dúbidas sobre o consumo enerxético a través de asesorías individuais, nas que se lles ofrecen consellos para aforrar nos seus fogares.

- Tamén se informa sobre as liñas de axuda que a Consellería ten abertas nestes momentos, como o Plan Renove de Equipos de Climatización ou o de Iluminación Interior.

Pontevedra, 10 de marzo de 2012.- O Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega, achega esta fin de semana diferentes consellos aos pontevedreses co obxectivo de promover o aforro e a eficiencia enerxética. A sede móbil, ubicada na Praza de España, abriu hoxe pola mañá as súas portas, e permanecerá atendendo aos cidadáns nas súas diferentes consultas ata mañá pola noite.

Así, durante estas dúas xornadas os pontevedreses que se acheguen ata o módulo poden resolver as súas dúbidas sobre o consumo enerxético no fogar, así como recibir asesorías enerxéticas individualizadas, nas que se lle recomendan opcións de aforro enerxético para os seus fogares.

Na última década o consumo de electricidade no sector doméstico aumentou un 35%, fronte ao incremento de tan só un 2,3% da poboación e o consumo de enerxía das familias galegas supón xa un 30% do total autonómico, unha cifra que implica un gasto medio anual en enerxía duns 2.600 euros por familia.

O módulo chega a Pontevedra despois de visitar A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense, realizando preto de 200 asesorías enerxéticas individualizadas a través das cales se resolveron distintas cuestións, principalmente relacionadas coa posibilidade de mellorar na eficiencia dos sistemas de calefacción e na instalación de luminarias eficientes tipo LED.

Así mesmo, celebraranse dúas mesas redondas abertas ao público. A primeira delas terá lugar hoxe pola tarde, e na mesma se estudarán as vantaxes enerxéticas e económicas que ofrece hoxe en día a rehabilitación de vividas. Neste contexto, exporanse as liñas de axuda do Inega neste campo, con subvencións de ata o 30% para a instalación de equipos de climatización máis eficientes, e do 25% para lámpadas de baixo consumo.

Na mesa do domingo pola tarde abordarase o papel de cada usuario en relación coa mobilidade e cos desprazamentos diarios, tendo en conta a dispersión poboacional que caracteriza á Comunidade galega.