INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O MÓDULO ITINERANTE DE EFICIENCIA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA ASESORA AOS PONTEVEDRESES SOBRE AFORRO ENERXÉTICO

12/03/2012

- Expertos en enerxía fan asesorías individuais e reparten preto de medio millar de guías de aforro e a eficiencia enerxética no fogar.

- Durante os dous días que a sede móbil permaneceu na Praza de España, realizáronse trinta asesorías enerxéticas individuais.

- O módulo acolleu mesas redondas con profesionais sobre as distintas posibilidades de aforrar enerxía na rehabilitación de cascos históricos e sobre os tipos de enerxía.

- Informouse sobre as liñas de axuda que a Consellería ten abertas nestes momentos, como o Plan Renove de Equipos de Climatización ou o de Iluminación Interior.

Pontevedra, 12 de marzo de 2012.- O Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega, achegou durante esta fin de semana diferentes consellos aos pontevedreses co obxectivo de promover o aforro e a eficiencia enerxética. Así, durante este tempo distribuíronse preto de medio millar de guías e catálogos relacionados co aforro enerxético, que conteñen tanto información útil para aforrar enerxía no fogar como o acceso as distintas liñas de axuda facilitadas pola Consellería de Economía e Industria para promover o aforro e a eficiencia enerxética.

Así mesmo, durante os dous días que o módulo permaneceu na Praza de España, realizáronse trinta auditorías enerxéticas personalizadas, cunha duración aproximada duns vinte minutos. Durante este tempo, os profesionais que traballan no módulo, expertos no ámbito do aforro e da eficiencia enerxética, avaliaron o nivel de eficiencia enerxética do consumidor a través dun breve cuestionairo, para poder trasladarlles despois consellos prácticos.

Nesta análise, pregúntase aos interesados pola ubicación e o tipo de edificio no que reside, así como pola orientación e o número de estancias interiores e exteriores. A calidade das fachadas; o custo da factura da calefacción e os graos aos que se emprega; a utilización ou non do aire acondicionado e máis das fontes renovables no fogar; ou a aposta polo transporte público en detrimento do vehículo particular son outras das cuestións relacionadas co consumo enerxético que se avalían nestas auditorías.

Sobre a base das respostas obtidas, os profesionais ofrécenlle aos cidadáns posibles solucións para mellorar a súa eficiencia enerxética, explicándolles, tamén, as posibilidades de acceso as liñas de axuda promovidas polo Inega, como os Renove de Iluminación ou Climatización, a través dos cales poden substituír as súas lámpadas por outras máis eficientes con subvencións que alcanzan un 25% do custo, ou apostar por equipos de climatización de baixo consumo, con axudas de ata un 30%.

O módulo acolleu, tamén, mesas redondas con profesionais do sector, abertas a todo o público, e nas que se tratou as posibilidades de aforro enerxético á hora de emprender rehabilitacións de vivendas, especialmente das situadas en cascos históricos. Neste sentido, subliñouse a importancia facer unha diagnose previa e, a raíz dela, toma as medidas adecuadas, entre as que destaca a incorporación de fiestras como as subvencionadas cada ano desde o Inega a través do correspondente Plan Renove.

Os diferentes xeitos mellorar a eficiencia no transporte e na planificación da mobilidade, tendo en conta a dispersión poboacional e o elevado número de pequenos concellos da Comunidade, así como as opcións que ofrecen os distintos tipos de fontes renovables en función dos seus usos foron outros dos temas abordados durante estes dous días no módulo.