INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PARTICIPA A TRAVÉS DO IENGA NUN ESTUDO INTERNACIONAL PARA A OBTENCIÓN DE ENERXÍA A PARTIR DE MICROALGAS

14/03/2012

- O Instituto Enerxético de Galicia porá en marcha unha planta piloto de cultivos para obter biodiésel, que se instalará na estación depuradora de Tui grazas a un acordo con Augas de Galicia.

- A iniciativa, que se encadra dentro do proxecto europeo EnerBioAlgae, servirá para estudar as posibilidades técnicas, económicas e ambientais da obtención de biocombustibles ao tempo que se depuran augas residuais.

Santiago, 14 de marzo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), porá en marcha unha planta piloto de cultivo de microalgas con fins enerxéticos na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Guillarei, en Tui, grazas a un acordo de coordinación con Augas de Galicia.

A instalación desta planta piloto, que se levará a cabo no primeiro semestre deste ano, permitirá estudar a viabilidade técnica, económica e ambiental da obtención de biocombustibles ao mesmo tempo que se depuran augas residuais. A iniciativa encádrase dentro do proxecto europeo EnerBioAlgae e pode supoñer un importante avance tanto enerxético como ambiental, xa que facilitará, dunha parte, a redución da carga contaminante que chega ao medio ambiente grazas ao emprego de augas residuais e gases de combustión para o cultivo de microalgas, e, por outro, permitirá empregar este cultivo para a produción do biodiesel.

As microalgas son un organismo crucial non só producindo combustibles de orixe renovable como o biodiésel –que é biodegradable e non provoca efecto invernadoiro-, senón tamén, durante o seu crecemento, absorbendo grandes cantidades de dióxido de carbono proveniente dos gases industriais das instalacións existentes nas proximidades das zonas onde se cultiven.

Para o desenvolvemento do proxecto traballouse, nun primeiro momento, na selección dunha cepa de alga que tivese un crecemento rápido e contase cun contido elevado de aceites útiles para a produción de biodiésel. Dita cepa, da especie de microalga chlorella vulgaris, localizouse na EDAR de Gondomar (Pontevedra).

A continuación, o Inega buscou o emprazamento máis adecuado para a instalación da planta piloto. Para isto, estudáronse unha serie de condicionantes que afectan ao crecemento das microalgas como o dióxido de carbono, a radiación solar, a temperatura ambiente ou o pH e a composición das augas, concluíndo que a mellor ubicación posible era a EDAR de Guillarei.

O proxecto EnerBioAlgae
O Inega participa no proxecto de cooperación transfronteiriza EberBioAlgae xunto ás universidades nacionais de Vigo e Almería, a portuguesa de Aveiro, e a francesa de Pau et Pays de l´Adour, ademais do Centro Nacional de Investigación Científica francés (CNRS).

Este proxecto, cofinanciado pola Unión Europea con fondos FEDER a través do Programa de Cooperación Territorial do Espazo Sudoeste Europeo, ten como obxectivo avanzar no emprego de microalgas como fonte de enerxía, xa sexa a través da biomasa ou mediante a conversión en biocombustibles. Para isto, perséguese refinar o sistema de produción de biomasa procedente de algas con fins enerxéticos, mellorando o rendemento dos cultivos, e desenvolvendo os aspectos metodolóxicos, técnicos, económicos e ambientais necesarios.