INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA OFRECE AOS COMPOSTELÁNS CONSELLOS A PÉ DE RÚA PARA PROMOVER O AFORRO ENERXÉTICO

16/03/2012

- O director do Inega resalta a importancia de “establecer hábitos de consumo racional” facendo que a xente tome conciencia dun “uso responsable da enerxía”.

- O Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, que permanecerá ata o domingo na Praza do Toural, atende de xeito individual as dúbidas dos cidadáns no eido da enerxía.

- Temas como as vantaxes das enerxías renovables, as opcións de rehabilitación eficiente de vivendas ou a contaminación urbana serán abordados en distintas mesas redondas.

- Infórmase sobre as distintas actuacións e liñas de axuda da Consellería para o fomento do aforro e a eficiencia enerxética.

Santiago, 16 de marzo de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), presentou esta mañá en Santiago o Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, que atenderá ao público ata o domingo na Praza do Toural, achegando aos composteláns diferentes consellos e prácticas para aforrar enerxía en distintos ámbitos.

Durante a presentación do Módulo, o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, resaltou a necesidade de “establecer hábitos de consumo racional entre a cidadanía”, facendo que a xente tome conciencia da importancia dun “uso responsable da enerxía”. Neste sentido, Diéguez subliñou a importancia de “manter unha actitude activa na concienciación cidadá” como a que ofrece esta sede móbil.

Diéguez lembrou o compromiso da Xunta “coa construción dun modelo enerxético limpo e respectuoso” que converten a Galicia “nunha comunidade pioneira na aposta polo aforro, a eficiencia enerxética e as fontes renovables”. Un compromiso que se reflicte neste módulo itinerante que, despois de visitar A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, achega agora aos composteláns diferentes consellos sobre o aforro e a eficiencia enerxética nos seus fogares.

Así, os que se acheguen á sede móbil poderán resolver as súas dúbidas sobre o seu consumo enerxético, tanto a través de información como de asesorías enerxéticas individualizadas.

O director do Inega recordou que o consumo de enerxía das familias, que supón un custo medio aproximado de 2.600 euros ao ano, representa xa un 30% do total galego, e resaltou o “papel relevante que debe xogar cada cidadán” en materia de aforro e eficiencia enerxética. “Centos de galegos beneficiáronse xa das asesorías enerxéticas e coñeceron de primeira man as liñas de axuda que teñen dispoñibles para ser máis eficientes cada día”, incidiu.

No Módulo Itinerante, que permanecerá no Toural durante toda a fin de semana, informarase sobre as distintas actuacións e liñas de axuda promovidas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, que van desde os Plans Renove, que contribúen a acadar unha maior eficiencia enerxética en distintos ámbitos dos fogares galegos –iluminación, climatización, electrodomésticos, transporte-, ata os programas de axudas para aforro e eficiencia e para enerxías renovables.

Tamén están programadas diversas mesas redondas, abertas ao público en xeral, e relacionadas con temas como as vantaxes das enerxías renovables, as opcións de rehabilitación eficiente de vivendas ou a contaminación urbana. Así, e como concluíu Diéguez, “a través do módulo sácanse a rúa exemplos prácticos que fomentan un uso adecuado dos nosos recursos e a redución dos custos mensuais nas familias e empresas”.