INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA DESTACA EN VIGO A APOSTA DA XUNTA POLO AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA PARA REDUCIR OS CONSUMOS NOS FOGARES E NOS SECTORES PRODUTIVOS

02/05/2012

- O director do Inega, Eliseo Diéguez, participou na xornada “As enerxías renovables e a eficiencia enerxética”, na que se achegou información sobre os programas e as liñas de axuda promovidas neste campo polo departamento que dirixe Javier Guerra.

- Diéguez recordou que a Consellería leva investido nesta lexislatura preto de 60 millóns de euros no programa de actuacións de aforro e eficiencia, que permitiron un aforro económico de 90 millóns.

- Resaltou a importancia do Plan de Aforro e Eficiencia da Administración Pública Galega, que aspira a aforrar 100 millóns durante os próximos dez anos nos edificios públicos, máis do 20% da factura enerxética.

Vigo, 2 de maio de 2012.- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez García, salientou hoxe en Vigo, durante a inauguración da xornada As enerxías renovables e a eficiencia enerxética, a aposta da Xunta de Galicia pola promoción da eficiencia enerxética e das fontes renovables como piares fundamentais dunha política enerxética que busca a redución dos consumos e a diminución das emisións de contaminantes á atmosfera.

Neste sentido, Diéguez lembrou que, a través dos distintos programas de aforro e eficiencia enerxética, alcanzouse, no conxunto da lexislatura, unha inversión próxima as 60 millóns de euros, que permitiron un aforro económico de 90 millóns, e evitouse a emisión á atmosfera de 42.000 toneladas de CO2.

Dentro destas actuacións, englóbanse tanto os Plans Renove, que contribúen dun modo adecuado e sinxelo a acadar unha maior eficiencia enerxética nos fogares galegos, como as 17 liñas de axuda ao aforro e a eficiencia postas en marcha este ano as cales, como sinalou Diéguez, “permiten atender aos principais sectores da economía galega: industria, transporte, edificación, servizos públicos, transformación da enerxía e agricultura e pesca”.

Uns programas de axudas aos que se suma o establecido para fontes renovables, que mobilizou no último ano 2,5 millóns de euros, “un pequeno esforzo inversor –apuntou Diéguez- que permitirá impulsar proxectos orientados a evitar a emisión de 11.000 toneladas de CO2”.

Ademais, a través do Plan de Aforro e Eficiencia da Administración Pública Galega, a Xunta está a realizar proxectos en numerosos centros públicos da nosa comunidade. “Con este Plan non só queremos ser un exemplo para o conxunto da sociedade, senón que aspiramos a aforrar 100 millóns durante os próximos dez anos, máis do 20% da factura enerxética”, subliñou Diéguez.

O foro As enerxías renovables e a eficiencia enerxética encádrase dentro do proxecto europeo GE2C´S, que ten por obxectivo promover a eficiencia enerxética e as instalacións de coxeración no sector servizos de Ourense, Pontevedra e Norte de Portugal. No proxecto, que conta co apoio da Unión Europea e que se desenvolverá ata finais de 2012, colaboran, ademais do Inega, que actúa como xefe de fila, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG); a Confederación Empresarial de Ourense; a Confederación de Empresarios de Pontevedra; o Instituto de Enxeñería Mecánica e de Xestión Industrial de Portugal (Inegi); o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a Asociación de Empresarios de Viana do Castelo.