INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUTRIA ACHEGA PRETO DE 190.000 EUROS PARA A REALIZACIÓN DE AUDITORÍAS ENERXÉTICAS NOS SECTORES RESIDENCIAL E DE SERVIZOS E NAS PLANTAS DE COXERACIÓN

03/05/2012

- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas para levar a cabo estudos de optimización enerxética nestes dous campos, que permitirán reducir custos enerxéticos nas empresas e concellos beneficiarios.

- Estes apoios encádranse no programa de actuacións para o aforro e a eficiencia enerxética, que na última convocatoria incluíu dezasete liñas de axuda orientadas aos principais sectores produtivos da economía galega e aos concellos.

Santiago, 3 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de resolver a concesión de axudas por preto de 190.000 euros para a realización de preto de 70 auditorías enerxéticas nos edificios do sector residencial e servizos e en plantas de coxeración, o que permitirá mobilizar un investimento próximo aos 300.000 euros.

No caso de edificios do sector residencial e servizos, tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, subvenciónanse estudos de optimización enerxética cunha contía máxima por axuda do 75% do custo. En total, concedéronse 66 axudas, destacando a presenza de seis concellos galegos entre os beneficiarios: A Rúa de Valdeorras, Nogueira de Ramuín, Manzaneda, Vigo, Cerdedo e Pontevedra.

Por outra banda, concedéronse axudas para auditorías enerxéticas en plantas de coxeración encamiñadas a mellorar a súa eficiencia neste campo, cun importe que ascendeu tamén ata o 75% do custo da actuación.

Estas axudas encádranse dentro do programa de actuacións para o aforro e a eficiencia enerxética, que na última convocatoria incluíu un total de dezasete liñas de axudas, todas elas especialmente orientadas aos principais sectores produtivos da economía galega e aos concellos, aspirando a acadar un aforro de enerxía primaria equivalente a 8.800 toneladas de petróleo, cifra que permitirá evitar a emisión á atmosfera de 35.000 toneladas de CO2.

Con estas actuacións a Consellería de Economía e Industria contribúe á mellora da competitividade, da calidade e a redución de custos enerxéticos no eido da industria, a agricultura, a pesca, o transporte, a edificación, os servizos públicos e a transformación da enerxía. Así mesmo, o departamento que dirixe Javier Guerra reitera o seu compromiso cos concellos, que poden ser beneficiarios de nove destas liñas de axuda.