INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

AS CONSELLERÍAS DE ECONOMÍA E INDUSTRIA E DO MERIO RURAL E DO MAR POÑEN EN MARCHA UN PROXECTO PILOTO DE ILUMINACIÓN EXTERIOR PARA PROMOVER A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO PORTO DE CELEIRO

03/05/2012

- A substitución de luminarias permitirá un aforro de ata o 55% no consumo enerxético na zona incluída no estudo.

- O consumo pasará de 50.000 kWh/ano a pouco máis de 22.500 kWh/ano, o que suporá un aforro de preto de 3.300 euros anuais na factura.

- Evitarase a emisión á atmosfera de 9.370 kg de CO2, cifra equivalente á plantación de 470 árbores.

Viveiro, 3 de maio de 2012.- As consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural e do Mar desenvolverán no Porto de Celeiro un proxecto piloto de iluminación pública exterior co que se promove a eficiencia enerxética da zona portuaria substituíndo as luminarias por outras máis eficientes, cun menor consumo, un custo de mantemento inferior, e unha mellor conservación ambiental. Así, a substitución destas lámpadas permitirá diminuír o consumo enerxético e, polo tanto, tamén o económico, na zona incluída no estudo ata nun 55%, segundo cálculos do Inega.

A actuación, que se desenvolverá ao abeiro do acordo de colaboración que esta mañá presentaron en Celeiro Eliseo Diéguez, director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, levarase a cabo nos viais da zona sur próximos á lonxa.

Comprende a substitución de 63 luminarias convencionais por outras tipo LED que, dada a súa maior eficiencia, se poden regular en potencia e intensidade, reducindo o número de horas de uso. Isto, sumado ao seu menor consumo, traducirase nun aforro enerxético que permitirá pasar dos case 50.000 kWh/ano a pouco máis de 22.500 kWh/ano. Deste xeito, o Porto de Celeiro aforrará preto de 3.300 euros ao ano na factura, dos case 6.000 euros que abona actualmente. Ademais, espérase acadar un aforro anual de 475 euros no mantemento das instalacións. Así mesmo, a acción suporá una redución das emisión á atmosfera de de 9.370 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 470 árbores.

O proxecto, que será desenvolvido pola empresa Tecno Solydi, conta cun orzamento total de 50.000 euros. Ademais da substitución das lámpadas por outras máis eficientes, a actuación comprende a instalación dun sistema de telexestión e dun control remoto en tempo real do consumo do alumeado.

Este proxecto únese a outros estudos e accións desenvolvidos por ambas consellerías para a implantación de medidas de aforro e eficiencia nas instalacións e actividades portuarias. Así, e grazas a colaboración entre Portos de Galicia e o Inega, no que vai de lexislatura téñense realizado estudos de viabilidade para a implantación de redes de recarga de vehículos eléctricos e para a implantación de plantas de coxeración – trixeración nos portos propiedade do ente autonómico, e desenvolvéronse auditorías enerxéticas nas diferentes iluminacións públicas no propio porto de Celeiro, en Ribeira e no Grove