INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O INEGA IMPULSA UN ESTUDO SOBRE O VEHÍCULO ELÉCTRICO PARA FAVORECER A IMPLANTANCIÓN DESTA TECNOLOXÍA

05/05/2012

- O Instituto, dependente de Economía e Industria, traballa na elaboración dun sistema que permitirá medir o rendemento útil dos vehículos eléctricos, determinando a súa autonomía e comparando os resultados cos dun modelo con motor de combustión.

- A Consellería continúa impulsando un cambio de modelo na mobilidade, cunha aposta decidida por converter a Galicia nun polo de desenvolvemento do vehículo eléctrico.

Santiago, 5 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a traballar nun proxecto de estudo da mobilidade eléctrica sostible que ten como obxectivo obter a maior información posible sobre o rendemento deste tipo de vehículos. Durante os vindeiros días, o Inega instalará un software especializado que rexistrará a información xerada por estes vehículos, para elaborar un estudo co que sexa posible achegar ao cidadán información útil sobre o uso e a eficiencia dos vehículos eléctricos.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria continúa impulsando un cambio de modelo na mobilidade, cunha aposta decidida por converter a Galicia nun polo de desenvolvemento e implantación do vehículo eléctrico. A través deste proxecto de mobilidade eléctrica, achegarase á cidadanía información útil sobre o consumo real dos vehículos eléctricos, a súa autonomía, o rendemento e os sistemas de acumulación, permitíndolles tomar decisións á hora de mercar un vehículo, e ofrecéndolles a posibilidade de que valoren que este sexa eléctrico.

O proxecto permitirá recoller datos relativos ás características técnicas dos vehículos: autonomía, tempos de recarga e distancia recorrida en cada recarga, potencia, rendemento e vida útil. Empregarase un equipo de análise eléctrico, un sistema GPS que almacenará a información capturada nunha base de datos, unha ferramenta informática para a xestión dos mesmos e unha aplicación que relacione as cifras coas dun motor de combustión en distintos recorridos.

Os resultados obtidos servirán para a realización dun estudo técnico de carácter demostrativo, que permitirá identificar de primeira man as vantaxes asociados á implantación e a utilización desta nova tecnoloxía, servindo de base para impulsar accións que axuden a superar os obstáculos para o desenvolvemento desta tecnoloxía.

Este estudo desenvolvese ao abeiro da aposta da Xunta a prol do aforro, a eficiencia e a innovación, posta de manifesto xa coa realización doutros estudos como o do vehículo híbrido enchufable, ou mediante o desenvolvemento de programas como o Plan de Vehículos Eficientes, que permitiu por en circulación nas estradas galegas, no que vai de lexislatura, preto de 700 vehículos eficientes ou coa posta en marcha da rede de Estacións de Electro-mobilidade Mobega que conta cunha flota de 28 coches e electrolineiras con tecnoloxía galega, en funcionamento nas 7 cidades da Comunidade.