INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UN ESTUDO DE ECONOMÍA E INDUSTRIA SINALA QUE AS EMPRESA DO SECTOR TÉXTIL PODERÍAN REDUCIR NUN 25% O SEU GASTO ECONÓMICO EN ENERXÍA CON MEDIDAS DE AFORRO E EFICIENCIA

10/05/2012

- No informe, presentado polo .director do Inega, Eliseo Diéguez, e a directora xeral de Comercio, Nava Castro, recóllese que o gasto no consumo enerxético supón o 15,5% de cada prenda elaborada.

- Auditáronse 17 empresas galegas que amosaron un consumo medio en enerxía de 81.500 euros anuais, o 2,2% da súa facturación.

- As principais medidas para reducir o gasto consisten na substitución de lámpadas por outras máis eficientes; o control de sistemas de climatización, e as melloras de illamentos e cerramentos.

Santiago, 10 de maio de 2012.- A posta en marcha de medidas de aforro e eficiencia enerxética en empresas do sector téxtil permitiríalles consumir un 20% menos de enerxía e reducir nun 25% o gasto económico en enerxía, segundo un estudo de optimización enerxética elaborado pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Para a realización deste informe, que foi presentado esta mañá polo director do Inega, Eliseo Diéguez, e a directora xeral de Comercio, Nava Castro, realizáronse auditorías en 17 empresas do sector téxtil, representativas da actividade tanto polas súas dimensións como polos campos de actuación, co obxectivo de reducir os custos de funcionamento, incrementar a produtividade e a competitividade no sector.

O documento salienta que, como media, as empresas do sector téxtil consomen anualmente 64,60 toneladas equivalentes de petróleo de enerxía, o que supón uns gastos duns 81.500 euros anuais, en torno a un 2,2% da súa facturación. Polo tanto, tal e como salientou o director do Inega, a aplicación de medidas de aforro e eficiencia enerxética permitiríalles reducir o custo económico en máis de 20.000 euros anuais de media.

O estudo afonda na facturación eléctrica, a iluminación, a climatización, a xeración de vapor ou o transporte, para facer unha análise das posibles medidas de aforro a impulsar no téxtil. Neste sentido, as iniciativas propostas baséanse na optimización da potencia eléctrica contratada; a substitución de lámpadas por outras máis eficientes que poden permitir aforros de ata o 80% neste apartado; a adecuación da presión do subministro de aire comprimido; o control de sistemas de climatización en función das zonas e dependencias, con aforros de ata o 30%; ou as melloras de illamentos e cerramentos, cun aforro potencial máximo do 35%.

Segundo este traballo, o gasto no consumo enerxético supón o 15,5% de cada prenda elaborada, sendo a enerxía máis custosa a electricidade, seguida do combustible para o transporte, o gasóleo e por último o gas natural, que para estas empresas resulta case 4 veces máis barato que a electricidade. Os resultados indican que a electricidade tamén é a enerxía que máis se consome, xa que supón case a metade do consumo de enerxía da industria téxtil, debido principalmente á demanda para o funcionamento da maquinaria.

Coa elaboración deste estudo o departamento que dirixe Javier Guerra continúa a traballar na tarefa de facer eficaces as medidas de aforro e eficiencia no gasto enerxético e económico nos principais sectores produtivos da industria galega, entre os cales se atopa o téxtil.

Tal e como recordou a directora xeral de Comercio, Nava Castro, o sector é un dos puntos de referencia da economía galega, supoñendo o 14% do seu PIB. Sobre esta base, Castro salientou o impulso nesta lexislatura tanto á creación do Clúster Téxtil Moda de Galicia como o desenvolvemento por parte da Xunta do Plan Téxtil Moda, Visión 2020. Este plan persegue fortalecer a actividade comercial e produtiva entorno ao clúster, apoiar a reestruturación financeira e organizativa das empresas, impulsar a súa internacionalización e conseguir mellorar a súa competitividade, aspecto no que destacou o estudo elaborado polo Inega.

Difusión dos resultados
O estudo presentado hoxe, ademais de facer propostas concretas de aforro, será difundido entre as industrias do sector téxtil coa finalidade de que os resultados teñan repercusión en máis casos e esta aposta polo aforro e a eficiencia no sector constitúa un referente a seguir en máis instalacións.

Así, ademais de repartir ás distintas empresas interesadas que traballan no sector 500 exemplares do estudo, a publicación se atopa tamén a disposición do sector e dos cidadáns na páxina web do Inega –www.inega.es-.