INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA ACHEGA 200.000 EUROS PARA A REALIZACIÓN DE AUDITORÍAS E PROXECTOS DE AFORRO ENERXÉTICO NOS SECTORES DA PESCA E DA AGRICULTURA

14/05/2012

- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas que permitirán reducir custos enerxéticos nestes dous sectores estratéxicos da economía galega.

- Apóiase tamén a realización de estudos de viabilidade nas plantas de coxeración.

- A iniciativa encádrase no programa de actuacións para o aforro e a eficiencia enerxética, que na última convocatoria incluíu dezasete liñas de axuda orientadas aos principais sectores produtivos da economía galega e aos concellos.

Santiago, 14 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de resolver a concesión de axudas por 200.000 euros para a realización de preto de 40 auditorías e proxectos enerxéticos nos sectores da pesca e da agricultura, que permitirán reducir os custos enerxéticos nestes dous sectores estratéxicos da economía galega.

Para a realización das auditorías a axuda ascende ata o 75% do custo elixible, mentres que no caso de proxectos de aforro e eficiencia o apoio alcanza o 20% do desenvolvemento das actuacións.

Por outra banda, tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, resolveuse a liña de axudas para a realización de estudos de viabilidade en plantas de coxeración, aceptándose un total de nove proxectos.

Todas estas axudas encádranse dentro do programa de actuacións para o aforro e a eficiencia enerxética, que na última convocatoria incluíu un total de dezasete liñas de axudas, todas elas especialmente orientadas aos principais sectores produtivos da economía galega e aos concellos, aspirando a acadar un aforro de enerxía primaria equivalente a 8.800 toneladas de petróleo, cifra que permitirá evitar a emisión á atmosfera de 35.000 toneladas de CO2.

Con estas actuacións a Consellería de Economía e Industria contribúe á mellora da competitividade, da calidade e a redución de custos enerxéticos no eido da industria, a agricultura, a pesca, o transporte, a edificación, os servizos públicos e a transformación da enerxía. Así mesmo, o departamento que dirixe Javier Guerra reitera o seu compromiso cos concellos, que poden ser beneficiarios de nove destas liñas de axuda.