INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS AUDITORÍAS FEITAS POR ECONOMÍA E INDUSTRIA, ATRAVÉS DO INEGA, REFLICTEN QUE É POSIBLE REDUCIR CASE Á METADE A FACTURA ENERXÉTICA DOS CONCELLOS GALEGOS

17/05/2012

- Os consumos en iluminación pública supoñen o 70% do gasto económico en enerxía dun municipio.

- Aplicando medidas de aforro e eficiencia os municipios poderían acadar un aforro económico do 45%, o que significa unha diminución total de 1,4 millóns de euros nos 20 concellos auditados por Economía e Industria.

- Analizáronse preto de 3.000 instalacións que, de ser substituídas por outras máis eficientes, evitarían a emisión de 3.335 toneladas anuais de CO2 á atmosfera.

Santiago, 17 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), desenvolveu durante o 2011 auditorías en distintos concellos galegos, cuxos resultados reflicten que é posible un aforro económico do 45% e un aforro enerxético do 36%, o que nos 20 concellos auditados podería significar una diminución de 1,4 millóns de euros, reducindo case a metade a factura enerxética destes municipios.

Co desenvolvemento destas auditorías, a Consellería de Economía e Industria reitera o seu compromiso cos concellos galegos, facilitando a redución dos consumos enerxéticos. Neste sentido, compre salientar que máis da metade da enerxía que se consume nun municipio corresponde á iluminación pública, apartado que supón o 70% do desembolso económico en enerxía.

Nos estudos realizados analizáronse preto de 3.000 instalacións, cun consumo conxunto de máis de 26.600 MWh/ano, que supón un custo económico aproximado de 3 millóns de euros. De xeito que no caso de que se levasen a cabo as medidas de aforro e eficiencia axeitadas, que pasan pola substitución de puntos de luz por outros máis eficientes, acadaríase un aforro enerxético de máis de 9.600 MWh/ano, o que suporía unha redución dos custos de preto de 1,4 millóns de euros. Estas cifras permitirían, ademais, evitar a emisión á atmosfera de 3.335 toneladas de CO2 cada ano.

Por outra banda, a realización das medidas propostas nestas auditorías leva tamén asociadas importantes vantaxes ambientais como a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos ou a redución de produtos contaminantes como o mercurio.

Deste xeito, o departamento que dirixe Javier Guerra prosegue a súa aposta a prol das Administracións locais, co obxectivo de que os cidadáns poidan beneficiarse das vantaxes do aforro e a eficiencia. Nesta estratexia, a Xunta tamén inclúe liñas de acción como o apoio ás reformas promovidas en iluminación pública ou o servizo de asesoría enerxética para concellos, posto en marcha recentemente polo Inega, que facilita a toma de decisións relacionadas co consumo eléctrico, resolvendo as distintas dúbidas en campos como a contratación da electricidade no mercado libre, os prezos a pagar pola enerxía ou a modernización do mantemento.