INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS ACTUACIÓNS DE ILUMINACIÓN PÚBLICA EXTERIOR IMPULSADAS POR ECONOMÍA E INDUSTRIA NOS CONCELLOS GALEGOS PERMITEN UN AFORRO DO 50% NO CONSUMO ELÉCTRICO

22/05/2012

- Durante 2011 desenvolvéronse máis de 60 proxectos de mellora da eficiencia e substituíronse preto de nove mil lámpadas e luminarias por outras de baixo consumo.

- Evítase así a emisión á atmosfera de case 700 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente á plantación de 35.000 árbores.

Santiago, 22 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), desenvolveu durante o 2011 máis de 60 proxectos de renovación de instalacións de iluminación pública por outras máis eficientes enerxeticamente que permitiron aos concellos beneficiarios un aforro económico e eléctrico do 50% nas zonas beneficiadas.

En total, substituíronse preto de nove mil lámpadas e luminarias por outras de baixo consumo, actuando sobre un cento de instalacións que supuñan un custo económico aproximado de 673.000 euros.

Estas actuacións permiten diminuír o consumo enerxético total en máis de 2.000 MWh/ano, evitando así a emisión á atmosfera de case 700 toneladas de CO2 anuais, o equivalente á plantación de 35.000 árbores. Así mesmo, a realización dos proxectos permitiu acadar tamén vantaxes ambientais como a diminución da contaminación lumínica que sofren os concellos ou a redución de produtos contaminantes como o mercurio.

Con estas iniciativas, para as que o Inega achegou máis de 3,5 millóns de euros, a Consellería de Economía e Industria reitera o seu compromiso cos municipios galegos, facilitando a redución dos seus consumos enerxéticos. Neste sentido, cómpre salientar que máis da metade da enerxía que se consome nun municipio corresponde á iluminación pública, apartado que supón o 70% do desembolso económico en enerxía.

Os proxectos encádranse dentro do programa de actuacións para o aforro e a eficiencia enerxética, que na última convocatoria incluíu un total de dezasete liñas de axudas, todas elas especialmente orientadas aos principais sectores produtivos da economía galega e aos concellos, que poden ser beneficiarios de nove delas.