INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOIA A INSTALACIÓN DE MÁIS DUN CENTO DE INSTALACIÓNS SOLARES TÉRMICAS QUE PERMITEN AFORRAR ATA O 70% NA XERACIÓN DE AUGA QUENTE

28/05/2012

- As axudas do Inega chegaron ata o 35% do custo de cada instalación e un 45% no caso dos concellos.

- Con estes proxectos evítase a emisión á atmosfera de 222 toneladas de CO2 por exercicio, e lógrase un aforro económico conxunto próximo aos 66.000 euros ao ano.

Santiago, 28 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), impulsou durante o 2011 a execución de máis dun cento de proxectos de instalacións solares térmicas coas que se consigue un aforro económico de ata o 70% na xeración de auga quente sanitaria.

Para a posta en marcha destas novas instalacións, coas que se conseguirá un aforro económico anual conxunto próximo aos 66.000 euros ao ano, o Inega subvencionou ata o 35% do custo de cada instalación, agás no caso dos concellos nos que a axuda acendeu ao 45%.

Os paneis solares instalados servirán tanto para xerar auga quente sanitaria como para climatización de piscinas cubertas, apoio á calefacción con sistemas de baixa temperatura, aplicacións industrias ou mesmo refrixeración solar, evitando a emisión á atmosfera de 222 toneladas de CO2 cada ano.

Solar fotovoltaica illada e conectada á rede
Por outra banda, e dentro do aproveitamento da enerxía solar, as liñas de axuda executadas durante o 2011 permitiron, tamén, o desenvolvemento de 9 instalacións de fotovoltaica illada para subministrar electricidade a puntos de consumo aos que non chegan as liñas eléctricas e de 26 de fotovoltaica conectada á rede.

Estes programa de axudas enmárcase dentro da aposta estratéxica da Xunta de Galicia de aproveitamento dos recursos autóctonos, mediante a implantación das enerxías renovables co fin de facer de Galicia unha comunidade líder no aproveitamento das fontes limpas. Así, no que vai de lexislatura, a Consellería de Economía e Industria leva mobilizados máis de 12 millóns de euros en axudas a fontes renovables –biomasa, biogás e solar fotovoltaica illada, conectada á rede e térmica-, aspirando a xerar un investimento asociado de 58 millóns de euros, e evitando a emisión á atmosfera de 38.000 toneladas de CO2.