INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

AS EXPLOTACIÓNS LEITEIRAS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PODEN AFORRAR 2,6 MILLÓNS DE EUROS AO ANO ADOPTANDO MEDIDAS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA

30/05/2012

- O director do Inega, Eliseo Diéguez, salienta durante a visita a Gandeiría Val do Toxa, en Silleda, a “importancia dun consumo eficiente de enerxía, que repercute de forma directa no control da demanda e o aforro enerxético”.

- A Consellería de Economía e Industria elaborou un Estudo Sectorial de aforro e eficiencia enerxética en explotación de leite que busca mellorar a produtividade e a competitividade desta industria.

- Entre as opcións propostas destaca a instalación de intercambiadores de placas para o prearrefriado do leite, a instalación dun variador de velocidade nas bombas de baleiro ou a substitución de lámpadas por outras máis eficientes.

Silleda, 30 de maio de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ven de presentar o Estudo Sectorial de Aforro e Eficiencia Enerxética en Explotacións de Leite que recolle distintas posibilidades e indicacións neste campo co obxectivo de que as máis de 12.000 gandeirías galegas poidan mellorar a súa produtividade e competividade. Así o apuntou hoxe o director do Inega, Eliseo Diéguez García, durante a visita á Gandeiría Val do Toxa, en Silleda, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), Higinio Mougán.

Neste sentido, Diéguez sinalou que o documento amosa “unhas posibilidades de aforro enerxético medio superior ao 35% do consumo total dunha explotación”, o que supón un aforro económico anual de 6.300 euros. Deste xeito, tendo en conta que as explotacións presentan un consumo enerxético medio de 150.000 kWh/ano, o que supón un custo medio aproximado de 11.500 euros por exercicio, o aforro económico anual ascendería ata o 54%, e dicir máis da metade da súa factura enerxética. Entre os consumos enerxéticos destaca, pola súa importancia, o consumo de gasóleo, cun 69% do total, mentres que a electricidade acapara o 24%, destacando aquí o muxido e o refriado de leite.

Trasladando estes números ás case 2.000 gandeirías que suma a provincia de Pontevedra, esta pode aforrar 2,6 millóns de euros ao ano aplicando medidas de aforro e eficiencia enerxética. E de implementarse as medidas ao conxunto das explotacións gandeiras galegas, obteríase un aforro enerxético próximo aos 12.000 tep/ano, que se traduciría nun aforro económico de 16 millóns de euros por exercicio. “Deste xeito, tratamos de concienciar aos gandeiros e demais usuarios do medio rural sobre a importancia dun consumo eficiente de enerxía, que repercute de forma directa no control da demanda e o aforro enerxético”, explicou Diéguez.

Consultar publicacións>>