INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA COLABORA PARA MELLORAR A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO EDIFICIO DO VALEDOR DO POBO

01/11/2012

- Un estudo realizado polo Inega na sede do Valedor amosa posibilidades de aforro enerxético dun 15%, o que permitiría reducir a factura nun 35%.

- A mellora nas condicións de facturación eléctrica, o control da instalación de climatización ou a substitución de lámpadas por outras máis eficientes son algunhas das medidas propostas no plan de optimización.

Santiago, 1 de novembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ven de finalizar, en colaboración co Valedor do Pobo, un estudo dos consumos enerxéticos da sede deste último. O obxectivo foi analizar medidas e propor solucións para mellorar a eficiencia enerxética do edificio e reducir, deste xeito, o gasto en enerxía.

O Inega elaborou un detallado Plan de optimización enerxética que desglosa os consumos do complexo, propondo distintas actuacións para a súa redución. En total, o potencial de aforro detectado polo Estudo ascende a case o 15% da enerxía consumida no edificio, que alcanzou durante o exercicio analizado os 118.000 kWh. Esta porcentaxe pódese traducir nun aforro económico próximo ao 35% do custo enerxético, mais de 10.000 euros, en caso de levar a cabo as accións propostas.

Estas medidas abranguen distintos campos de actuación. En primeiro lugar, recoméndase a adecuación do contrato de subministro eléctrico, feito que permitiría, sen ningún tipo de investimento, un aforro económico duns 6.000 euros ao ano. Así mesmo, no apartado de iluminación proponse a substitución de lámpadas por outras máis eficientes, a instalación de detectores de presenza, ou o cambio de balastros electromagnéticos por electrónicos, accións que suporían, en conxunto, un aforro anual de case 2.000 euros. No que respecta ao sistema de climatización, o informe estuda a funcionalidade do equipo xerador de calor o a eficiencia na súa regulación e control. Neste caso, unha mellor programación da instalación diminuiría os consumos enerxéticos nuns 4.500 kWh/ano, o que suporía un aforro de 1.000 euros por exercicio.

Este estudo desenvolvido na sede do Valedor do Pobo complementa a outro tipo de actuacións levadas a cabo nos últimos anos pola Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, tanto nos sectores privados como na propia Administración. No ano 2011 púxose en marcha o Plan de Aforro e Eficiencia na Administración Pública Galega, co que se prevé aforrar máis do 20% da factura enerxética, durante os próximos dez anos.