INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A RESIDENCIA DE OLEIROS INCORPORA UN SISTEMA PIONEIRO DO INEGA QUE CENTRALIZA A XESTIÓN DO CONSUMO ENERXÉTICO DOS EDIFICIOS PÚBLICOS

03/11/2012

- Economía e Industria desenvolve un sistema que favorece o aforro enerxético nos edificios da Administración.

- A plataforma permite ao usuario consultar, on line, as principais variables que afectan ao complexo, comparando a evolución dos consumos despois da implantación de medidas de aforro e eficiencia enerxética.

- O Inega e a Consellería de Traballo e Benestar traballan, tamén, na implantación de distintas medidas no Centro que permitirán acadar un aforro enerxético de ata un 20% na enerxía primaria consumida.

Oleiros (A Coruña), 3 de novembro de 2012.- As Consellerías de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), e de Traballo e Benestar ultiman a incorporación da Residencia Asistida da 3º Idade de Oleiros ao sistema informático de control para análise de consumos e gastos enerxéticos. Esta iniciativa de aforro enerxético está a sumar distintos edificios públicos, facendo da Xunta unha Administración pioneira no desenvolvemento de técnicas centralizadas de xestión de consumos enerxéticos para os seus edificios.

O sistema remitirá periodicamente informes do centro, facilitando a análise da evolución da demanda enerxética do mesmo. Ademais, permite ao usuario facer consultas on line das principais variables que afectan ao edificio: potencia contratada, enerxía, consumos de gas ou de gasóleo.

A ferramenta fai posible controlar os consumos enerxéticos do complexo e a súa evolución a través de informes periódicos cuxos resultados poderán cotexarse coas medicións que se extraian da posta en marcha de medidas de aforro e eficiencia enerxética, validando así a súa eficacia. O software incorpora un sistema de alarmas que avisará dos valores de consumo eléctrico que non se axusten aos rangos habituais ou esperados de consumo, así como das posibles ineficiencias que se detecten.

Aforros económicos do 17%
Dentro do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética da Administración Pública Galega, as Consellerías de Economía e Industria e de Traballo e Benestar traballan na avaliación e desenvolvemento de distintas medidas nesta Residencia de Maiores de Oleiros, que estarán implementadas nos próximos meses, e permitirán acadar un aforro enerxético de ata un 20% na enerxía primaria consumida no Centro, aspirándose a acadar un aforro económico do 17%.

Para desenvolver esta iniciativa, levaranse a cabo distintas accións que buscan potenciar o aforro e a eficiencia enerxética no centro incorporando fontes menos contaminantes e fomentando o aproveitamento dos recursos. Así, substituiranse as caldeiras modernizando os sistemas de regulación e a sala de máquinas na zona da residencia ao tempo que se instalarán fiestras máis eficientes. Ademais, acometerase o cambio de iluminación, tanto exterior como interior, instalando lámpadas máis eficientes e cunha menor contaminación lumínica, ao tempo que se dotará ao complexo de detectores de presenza. O cambio de propano a gas natural das máquinas de lavandería e cociña, ou a instalación de variadores de frecuencia nos sistema de bombeo son outras das medidas nas que se traballa para mellorar a eficiencia do centro.