INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROPÓN ÁS EMPRESAS DO GRANITO MEDIDAS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA COAS QUE O SECTOR PODERÍA CHEGAR A AFORRAR MÁIS DE 3 MILLÓNS DE EUROS AO ANO

07/11/2012

- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, presentou hoxe un estudo con propostas coas que canterías e industria transformadora poderían reducir a enerxía que consomen nun 14% de media.

- Para as canterías propóñense medidas como o axuste da potencia eléctrica contratada, a implantación dun sistema de xestión enerxética ou melloras na instalación de aire comprimido.

- No tocante ás industrias transformadoras, aconséllase a instalación de variadores de frecuencia ou a mellora nas instalacións de iluminación.

Inega_sectGranito

Santiago, 7 de novembro de 2012.- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, acompañado polo secretario xeral do Clúster do Granito, Jorge Massó, presentou hoxe os resultados do estudo de optimización enerxética da industria do granito que a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, vén de publicar co obxectivo de reducir os custos de funcionamento e incrementar a produtividade e a competitividade deste sector clave para a economía galega.

Tal e como salientou Diéguez, extrapolando os resultados do estudo calcúlase que o conxunto das empresas do sector poderían chegar a aforrar máis de 3 millóns de euros ao ano aplicando as medidas propostas, tendo en conta que o documento amosa “unhas posibilidades de aforro enerxético medio do 14%, porcentaxe que se eleva case ao 20% no que respecta ao aforro económico” e que o consumo enerxético global por exercicio supón un gasto superior aos 16,5 millóns de euros.

O traballo presentado hoxe encádrase na serie de estudos que está a realizar a Consellería, a través do Inega, dos distintos sectores produtivos da economía galega, e achegarase ás industrias do sector do granito coa finalidade de que as medidas propostas lles poidan servir de guía para aforrar, de media, uns 53.000 euros anuais. Para iso, distribuiranse 500 exemplares da publicación, que está xa á disposición do sector e dos cidadáns na páxina web do Inega (www.inega.es).