INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROPÓN Á ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS DO POLÍGONO DE SAN CIBRAO MEDIDAS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA PARA REDUCIR NUN 30% O QUE GASTAN EN ENERXÍA NA SÚA SEDE

12/11/2012

- O Inega colabora coa entidade elaborando un Plan de mellora enerxética no que se recollen propostas como a substitución de lámpadas por outras máis eficientes, a instalación de paneis solares de baixa temperatura ou o relevo da caldeira de gasóleo por unha de biomasa.

- O obxectivo final da iniciativa, englobada no proxecto europeo GE2C´s, é que as actuacións poidan ser extrapolables á práctica totalidade do sector servizos, mellorando así a súa competitividade.

Ourense, 12 de novembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a colaborar coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao para mellorar a eficiencia enerxética do centro co que conta este organismo, o que redundará na diminución dos seus custos de enerxía. Para ilo, vén de elaborar un Plan de mellora enerxética no que se detecta un potencial de aforro enerxético que se aproxima ao 15% da enerxía consumida polo complexo, porcentaxe que se traduce nun aforro económico de case un 30% do custo enerxético en caso de adoptar as medidas propostas, ao tempo que permitiría evitar a emisión á atmosfera de preto de 20 toneladas de CO2 ao ano.

As actuacións recomendadas abranguen distintos campos. Así, no apartado de iluminación proponse a substitución de lámpadas por outras máis eficientes ou a instalación de detectores de presenza, con aforros económicos próximos ao 10%.

A instalación de paneis solares de baixa temperatura, o cambio de combustible a gas natural, ou o axuste da potencia contratada e o aproveitamento da enerxía reactiva son outras das medidas propostas dentro do plan de mellora enerxética. Así mesmo, a instalación dunha central solar fotovoltaica ou a aposta pola biomasa para calefacción permitirían incrementar os aforros en máis dun 25%.

Aplicación no sector servizos
A Consellería de Economía e Industria aspira a que esta iniciativa en colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao poida ser extrapolable á práctica totalidade do sector servizos, mellorando así a competitividade dunha das principais industrias da economía galega.

Non en vano, o plan de mellora enerxética da asociación ourensá encádrase dentro do proxecto europeo GE2C´s, liderado polo Inega, e a través do cal se están a desenvolver outros 15 programas de optimización enerxética en pemes galegas. Estes traballos, como no caso do Polígono de San Cibrao, sinalan distintas medidas a adoptar no eido da eficiencia.

O proxecto GE2C´S (Eficiencia, coxeración e xestión enerxética no sector servizos),  que se desenvolverá ata finais de 2012, encádrase dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2007-2013 e conta cun orzamento de 1.062.602,92 euros, dos cales un 75% fináncianse mediante fondos FEDER e o 25% mediante achegas dos socios participantes no proxecto: o Inega (que actúa como xefe de fila), o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Confederación  de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), o Instituto de Engenharía Mecãnica e Gestão industrial (INEGI), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

 logos_GE2C