INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UN ESTUDO ELABORADO POLO INEGA DESTACA AS POSIBILIDADES AMBIENTAIS E ECONÓMICAS DO USO DA BIOMASA NOS FOGARES GALEGOS FRONTE A OUTROS COMBUSTIBLES

14/11/2012

- O documento cuantifica en máis dun millón ao ano as toneladas de leña empregadas, permitindo evitar a emisión á atmosfera de 1,5 toneladas de CO2 fronte ao uso de gasóleo e resultando un 60% máis barata.

- Na última lexislatura instaláronse preto de 1.400 caldeiras de biomasa en fogares, empresas e na administración pública a través do programa de actuacións promovido pola Consellería de Economía e Industria.

Santiago, 14 de novembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de elaborar un detallado estudo sobre a situación do mercado da biomasa en Galicia, co obxectivo de coñecer a situación dunha fonte de enerxía renovable, autóctona e moito máis limpa, e que permite reducir as emisión de CO2 á atmosfera.

Neste sentido, e segundo recolle o documento, os galegos empregan, cada ano, máis dun millón de toneladas de leña nos seus fogares, unha cifra que leva aparellados importantes beneficios tanto económicos como ambientais. Así, e comparando a biomasa cos litros de gasóleo que serían necesarias para abastecer a mesma demanda enerxética, pódese concluír que a utilización desta fonte de enerxía evita a emisión a atmosfera de 1,5 millóns de toneladas de CO2 ao ano, ao tempo que resulta un 60% máis barata.

Sobre esta base, cómpre lembrar que a Consellería vén promovendo o emprego de caldeiras de biomasa a través do programa de fontes renovables do Inega. Así, e ante o crecente interese da cidadanía nesta fonte de enerxía, téñense incrementado paulatinamente os orzamentos para a instalación de caldeiras, ata superar o millón de euros no último exercicio.

Desde o ano 2009 contribuíuse a instalación de preto de 1.400 caldeiras de biomasa en fogares, empresas e na administración pública galega. Os beneficiarios destes equipos aforran unha media de 1.500 euros por exercicio, contando cunha subvención de ata o 30% do custo da montaxe. En total, as caldeiras permiten acadar xa aforros anuais conxuntos de 1,8 millóns de euros, cifra que superará os 27 millóns durante a vida útil dos equipos, que chega aos 15 anos.

Neste contexto, o estudo, xa dispoñible na web do Inega –www.inega.es-, afonda na situación actual en Galicia dunha fonte de enerxía que, debido ao forte incremento do prezo dos combustibles fósiles tradicionais, non só permite acadar os importantes aforros económicos e ambientais descritos, senón que tamén está capacitada para xerar emprego e riqueza no medio rural.