INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

A ILUMINACIÓN LED INSTALADA NO PORTO DE CELEIRO SUPERA AS PREVISIÓNS E PERMITE XA AFORROS ECONÓMICOS SUPERIORES AO 70%

16/11/2012

- Os primeiros resultados do proxecto piloto posto en marcha polas Consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural e do Mar amosan tamén un aforro enerxético do 64% na zona incluída no estudo.

- A nova tecnoloxía axusta a intensidade lumínica ás necesidades de cada momento reducindo os consumos e mellorando a conservación ambiental.

Santiago, 16 de novembro de 2012.- O proxecto piloto de alumeado público desenvolvido no Porto de Celeiro entre as Consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural e do Mar está a permitir aforros económicos na zona incluída superiores ao 70%, mellorando deste xeito o 50% previsto inicialmente. Así o poñen de manifesto os primeiros resultados auditados no mes de outubro, unha vez posta en marcha toda a instalación, e que recollen unha diminución do gasto de ata 4.300 euros fronte aos 6.000 que se viñan consumindo ata o de agora.

Para iso, as lámpadas instaladas fóronse regulando en potencia e intensidade, adecuando o seu uso ás necesidades de cada momento. Deste xeito, e grazas á ultima tecnoloxía empregada polas 63 lámpadas tipo LED dispostas, basta manter as luminarias ao 70% da súa potencia durante as horas que máis se precisa e ao 40% entre as doce da noite e as 4.30 horas, para acadar os mesmos niveis lumínicos. A través desta regulación horaria, pasouse dun consumo de 44.188 kWh/ano a menos de 16.000 kWh/ano, o que supón un aforro enerxético do 64%.

A actuación desenvolveuse nos viais da zona sur próximos á lonxa permitindo, ademais, unha mellor conservación ambiental e un mantemento máis eficiente. Así, implantouse un sistema de telexestión e un control remoto en tempo real do consumo do alumeado, actuacións que, xunto coas novas luminarias, supoñen unha redución das emisións a atmosfera de case 10.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de preto de 500 árbores.

O proxecto, desenvolvido entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Portos de Galicia e a empresa Tecno Solydi, está así a acadar os obxectivos propostos, entre os que se incluían tanto os aforros económicos e enerxéticos citados, como a corrección do exceso de luz nocturna que xeraban as anteriores luminarias e o fomento do uso racional da enerxía.

Neste sentido, cómpre lembrar que tanto o Inega como Portos veñen desenvolvendo distintas actuacións de aforro e eficiencia enerxética nas instalacións e actividades portuarias. Así, téñense realizado estudos de viabilidade para a implantación de redes de recarga de vehículos eléctricos e para a implantación de plantas de coxeración – trixeración nos portos do ente autonómico, ou desenvolvido auditorías nas iluminacións dalgúns portos como os de Ribeira, o Grove ou o propio Celeiro.