INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMIA E INDUSTRIA AVOGA POLA EFICIENCIA ENERXÉTICA E AS FONTES RENOVABLES COMO FACTORES DE COMPETIVIDADE DA INDUSTRIA ENERXÉTICA GALEGA

29/11/2012

  - Eliseo Diéguez participa no Congreso Internacional Energia – Políticas, Inovaçao e Negócios.

 
- O director do Inega subliña en Viana do Castelo a aposta da Xunta por conciliar os obxectivos enerxéticos da Comunidade Autónoma cos da UE alcanzando “un modelo enerxético sostible en termos ambientais, económicos e sociais”.
 
- O investimento público en medidas de aforro e eficiencia enerxética no período 2009-2011 ascendeu ata os 60 millóns de euros, acadando xa un aforro económico anual de 65 millóns de euros e evitando a emisión a atmosfera de 213.500 toneladas de CO2 por exercicio.
 
- Os programas de apoio ás renovables do Inega suman un aforro económico anual de 2,5 millóns de euros, e evitan a emisión de 14.000 toneladas de CO2.por exercicio
 
Viana do Castelo (Portugal), 29 de novembro de 2012.- “A Xunta de Galicia está totalmente comprometida coa construción dun modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, que permita facer de Galicia unha comunidade pioneira na aposta polo aforro, a eficiencia enerxética e o fomento das fontes renovables”. Así o subliñou hoxe o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, no transcurso da súa intervención no Congreso Internacional Energia – Políticas, Inovaçao e Negócios celebrado en Viana do Castelo.
 
Neste sentido, Diéguez destacou que a Consellería de Economía e Industria traballa co obxectivo de conciliar as metas enerxéticas de Galicia coas da Unión Europea a través do desenvolvemento dun “patrón enerxético sostible en termos ambientais, económicos e sociais”. Para ilo, nos últimos anos estanse a promover a través do Inega medidas de aforro e eficiencia enerxética co fin de diminuír as taxas de consumo mellorando a calidade ambiental e incrementando a competitividade da industria.
 
Tal e como sinalou Diéguez, o investimento público en medidas de aforro e eficiencia enerxética promovidas polo Inega no período 2009-2011 ascendeu ata os 60 millóns de euros: “Un investimento que permite, xa nestes momentos, un aforro económico anual de 65 millóns de euros; e un aforro enerxético de case 84.000 tep/ano, o que supón evitar a emisión a atmosfera de 213.500 toneladas de CO2 por exercicio”.
 
Cifras ás que cabe sumar as xeradas polos proxectos de enerxía renovables desenvolvidos neste mesmo período. As fontes renovables, explicou Diéguez, non só permiten “alcanzar unha maior diversificación enerxética ou aproveitar os recursos autóctonos” coa consecuente redución das taxas de dependencia enerxética, senón que tamén “melloran a eficiencia enerxética e protexen o medio natural”. Non en vano, os programas de apoio ás renovables realizados nos últimos anos a través do Inega permiten un aforro económico anual de 2,5 millóns de euros, e evitan a emisión de 14.000 toneladas de CO2 por exercicio.
 
Sobre esta base, Diéguez destacou a importancia de “introducir na sociedade a cultura do aforro e da eficiencia enerxética”, tarefa de gran responsabilidade para os poderes públicos dado o seu carácter exemplarizante. “A nós correspóndenos concienciar aos cidadáns sobre a necesidade de aforrar e ser eficientes en materia enerxética por moitos motivos: pola elevada dependencia exterior; polo beneficio ambiental que se deriva; e polo importante aforro económico que produce”, concluíu.