INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE A FORMACIÓN EN CERTIFICACIÓN ENERXÉTICA DE EDIFCIOS ENTRE OS PROFESIONAIS DO SECTOR DA EDIFICACION

30/11/2012

 - O Inega acollerá os próximos días 10 e 11 de decembro un curso sobre “Certificación Enerxética de Edificios Existentes”.

 - Desde o ano 2009, téñense formado máis de 3.000 técnicos especialistas en enerxética edificatoria, incentivándose, ademais, a promoción de 24 edificios de alta eficiencia enerxética (clase A ou B).
 
- As actuacións desenvolvidas no sector da edificación permiten obter, nestes momentos, un aforro económico anual superior aos 10 millóns de euros, evitando a emisión a atmosfera de preto de 41.000. 
 
Santiago, 30 de novembro de 2012.-A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), celebrará os próximos días 10 e 11 de decembro un curso sobre “Certificación Enerxética de Edificios Existentes” que ten por obxectivo formar aos participantes no ámbito da eficiencia enerxética no sector da edificación, instruíndoos nos novos programas informáticos que permitirán cualificar enerxeticamente os edificios xa existentes.
 
Deste xeito, contribúese a formar, informar e concienciar aos axentes afectados pola nova normativa enerxética edificatoria –que incluirá edificios xa existentes fronte a cualificación que se esixía ata o de agora que afectaba soamente á edificios novos-, propiciando que se consuma menos enerxía e dun xeito máis racional no sector, de modo que se minimice o seu consumo enerxético.
 
Estes cursos de formación de profesionais favorecen á mellora enerxética do sector da edificación, que presenta en Galicia un consumo de enerxía final próximo ao 20%. Así, a certificación enerxética dos edificios permite coñecer os consumos de enerxía que se estiman necesarios para satisfacer a demanda dun edificio nunhas condicións normais de funcionamento e ocupación. A mellora neste apartado supón, ademais dunha revalorización do mesmo e de importantes aforros económicos, a redución de emisións de CO2 á atmosfera.
 
A certificación de eficiencia enerxética permite verificar a cualificación obtida polo edificio nesta materia. Trala súa comprobación, procédese á expedición dun certificado de eficiencia enerxética que oscila entre a categoría A e a F. Os profesionais que participen no curso –arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros e enxeñeiros técnicos- obterán a formación para a utilización das ferramentas informáticas necesarias para cualificar enerxeticamente os edificios xa existentes.
 
Esta iniciativa complementa a outras desenvolvidas pola Consellería de Economía e Industria durante os últimos anos no sector da edificación, e que permiten obter nestes momentos un aforro económico anual superior aos 10 millóns de euros, evitando a emisión a atmosfera de preto de 41.000 toneladas CO2 por exercicio. Non en vano, desde o ano 2009 téñense formado máis de 3.000 técnicos especialistas en enerxética edificatoria, incentivándose a promoción de 24 edificios de alta eficiencia enerxética (clase A ou B).
 
Así mesmo, realizáronse case 2.300 inspeccións periódicas de eficiencia enerxética a instalacións térmicas de edificios, detectándose posibilidades de aforro de ata un 90%; ou púxose en marcha o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética na Administración Pública, que aspira a acadar un aforro enerxético do 20% nos edificios administrativos, aspirando a reducir a súa en 100 millóns durante a próxima década.