INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA APOSTA POLAS MEDIDAS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NO SECTOR DA EDIFICACIÓN PARA AUMENTAR A SÚA COMPETITIVIDADE E REDUCIR O CONSUMO

04/10/2012

- O director do Inega, Eliseo Diéguez, salienta no Congreso Galego de Xestores Enerxéticos dos Edificios que as actuacións promovidas pola Consellería neste eido permiten aforros económicos anuais de 10 millóns de euros.

- Cos programas de eficiencia enerxética evítase nestes momentos a emisión á atmósfera de 40.800 toneladas de CO2 cada ano.
- Xa se recibiron máis de 230 solicitudes para incorporarse ao rexistro de edificacións enerxeticamente eficientes.

Santiago, 4 de outubro de 2012.- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez, resaltou hoxe na celebración do I Congreso Galego de Xestores Enerxéticos de Edificios as posibilidades de crecemento do sector da edificación a través do aforro e a eficiencia enerxética e das fontes renovables. Diéguez recordou que a Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, promove cada ano distintos programas e liñas de actuación no sector da edificación para potenciar a súa eficiencia enerxética e mellorar a súa competitividade.

Tal e como salientou Diéguez, os programas desenvolvidos polo Inega a prol dunha construción eficiente permiten aforrar, nestes momentos, case 20.000 tep/ano, o que se traduce nun aforro económico superior aos 10 millóns de euros por exercicio, evitándose a emisión á atmosfera de máis de 40.800 toneladas de CO2.

Entre as liñas de actuación do Inega, apoianse as melloras na envolvente térmica dos edificios para reducir a demanda enerxética en calefacción ou refrixeración; e traballase na mellora da eficiencia enerxética das instalacións térmicas en inmobles xa existentes, actuando sobre instalacións de calefacción, refrixeración e produción de auga quente sanitaria.

Así mesmo, estase a impulsar a certificación enerxética dos edificios galegos, sumando preto de 230 solicitudes para incorporarse ao rexistro de vivendas que queren certificarse como edificacións enerxeticamente eficientes. Dita certificación permite coñecer os consumos de enerxía que se estiman necesarios para satisfacer a demanda dun edificio nunhas condicións normais de funcionamento e ocupación. A mellora neste apartado supón, ademais dunha revalorización do mesmo e de importantes aforros económicos, a redución de emisións de CO2 á atmosfera.

Ademais, para mellorar na eficiencia enerxética no sector da edificación, o Inega desenvolveu no último ano varios acordos de colaboración con distintas entidades e organizacións. A través deles, impulsáronse programas formativos nun dos eixos vertebradores do modelo enerxético galego, formando aos profesionais da edificación no fomento do aforro e da eficiencia enerxética.

Co obxectivo de seguir traballando neste campo, cómpre salientar tamén que o Inega é un dos dez membros nacionais que integran a Comisión Permanente de Certificación Enerxética de Edificios.