INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PON EN MARCHA UN PROXECTO PILOTO DE ILUMINACIÓN EXTERIOR PARA REDUCIR CUSTOS ENERXÉTICOS E ECONÓMICOS NA ADMINISTRACIÓN LOCAL

05/10/2012

- O Instituto Enerxético de Galicia vén de asinar un convenio cos concellos de Boiro, Taboada, Pontedeva e Nigrán para comprobar as vantaxes do uso de tecnoloxía eficiente cun programa experimental

- Substituiranse luminarias e equipos por outros máis eficientes, o que permitirá acadar aforros enerxéticos de ata o 75%

- Aspírase a reducir a factura eléctrica nas zonas incluídas no estudo en máis de 46.000 euros por exercicio, evitándose a emisión a atmosfera de preto de 100.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente a plantación de 4.800 árbores

Santiago, 5 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de asinar un convenio cos concellos de Boiro, Taboada, Pontedeva e Nigrán para a posta en marcha dun proxecto piloto de tecnoloxía eficiente en iluminación pública que ten por obxectivo permitir aos concellos galegos reducir custos enerxéticos e económicos.

convenio_luminarias

Mediante este plan piloto ensaiarase a posta en práctica de medidas de aforro e eficiencia enerxética en puntos estratéxicos dos catro concellos dotándoos dos sistemas más avanzados. Ademais da conseguinte redución de custos enerxéticos e económicos e a potenciación dun uso racional da enerxía, levará aparelladas unha mellora na calidade do servizo público, así como unha repercusión directa na protección do medio ambiente.

Así, e tralo convenio firmado hoxe, instalaranse nos catro concellos preto de 600 luminarias coas últimas tecnoloxías, aspirándose a reducir de xeito considerable os consumos enerxéticos nas zonas incluídas no estudo. En total, prevese un aforro enerxético conxunto superior ás 273.000 kWh/ano, o que significaría acadar unha redución de entre o 55% e o 75% con respecto aos consumos actuais, aforrándose, nas zonas de actuación, máis de 46.000 euros por exercicio. Ademais, evitarase a emisión a atmosfera de preto de 100.000 kg de CO2 por exercicio, cifra equivalente á plantación de 4.800 árbores.

Coa materialización deste acordo, adóptanse importantes medidas de promoción do aforro na administración local, onde o contacto co cidadán é directo e, polo tanto, ditas medidas teñen un maior grao de visibilidade e repercusión pública. O proxecto piloto ten un custo total de 200.000 euros, dos que o Inega achega o 40%, General Electric Lighting custea o 49%, e os concellos seleccionados participan, a partes iguais, co 11% do orzamento restante

O departamento que dirixe Javier Guerra continúa así prestando unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos, que se materializa, entre outras actuacións, a través dun amplo programa de axudas que alcanzan ata un 75% da contía subvencionable.