INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

UN PROXECTO PILOTO DE ILUMINACIÓN PÚBLICA PROMOVIDO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA PERMITIRÁ AFORROS ENERXÉTICOS DO 75% NO CONCELLO DE NIGRÁN

09/10/2012

- Substituiránse máis dun centenar de luminarias e equipos por outros máis eficientes na Rúa Arquitecto Palacios e na Avenida de Praia América.

- Aspírase a reducir a factura eléctrica nas zonas incluídas no estudo en preto de 17.400 euros por exercicio, evitándose a emisión a atmosfera de 35.800 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente a plantación de 1.800 árbores.

Nigrán (Pontevedra), 9 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver un proxecto piloto de iluminación pública exterior no Concello de Nigrán que, segundo as primeiras estimacións, acadará aforros enerxéticos de ata un 75% nas zonas incluídas no estudo. “Trátase dunha cifra moi importante se temos en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, subliñou o director do Inega, Eliseo Diéguez, na presentación do proxecto.

A través desta actuación substituiranse máis dun centenar de luminarias ao longo da Rúa Arquitecto Palacios e da Avenida de Praia América, instalando no seu lugar lámpadas de última xeración. O cambio permitirá, en total, un aforro enerxético de máis de 102.000 kWh ao ano, o que supón un aforro económico próximo aos 17.400 euros por exercicio.

Neste sentido, e segundo apuntou Diéguez, “o Concello de Nigrán diminuirá a súa factura económica en máis dun 70% nas dúas rúas afectadas”. Así mesmo, o conxunto da nova instalación suporá unha redución das emisións a atmosfera de case 35.800 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de preto de 1.800 árbores.

O proxecto presenta unha inversión total no Concello de Nigrán de case 50.000 euros, dos que o Inega achega o 40%, General Electric Lighting custea o 49%, e o municipio pontevedrés o 11% restante. Con esta actuación, como resaltou Diéguez, “a Consellería de Economía e Industria mostra unha especial sensibilidade cos concellos por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

A actuación encádrase nun convenio no que participan outros tres concellos galegos –Boiro, Taboada e Pontedeva-, e os seus resultados servirán para estudar a implantación de novas tecnoloxías de iluminación exterior, extrapolando os resultados obtidos a outros municipios da comunidade.

O departamento que dirixe Javier Guerra continúa así prestando unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos. Así, no último ano, ademais de desenvolver un amplo programa de axudas para o aforro e a eficiencia enerxética nos municipios galegos, o Inega puxo un marcha unha aplicación informática para que estes poidan optimizar a súa factura eléctrica, e un servizo de asesoría para concellos que resolve as distintas dúbidas que xorden no ámbito enerxético.