INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

ECONOMÍA E INDUSTRIA PROMOVE UN NOVO PROXECTO PILOTO QUE ASPIRA A ACADAR AFORROS ENERXÉTICOS DE ATA O 60% NAS ADMINISTRACIÓNS LOCAIS

10/10/2012

- O Instituto Enerxético de Galicia asina un convenio para implantar a última tecnoloxía en iluminación pública nos concellos de Boqueixón, Arnoia e Moraña.

- A actuación, de carácter experimental, reducirá a factura eléctrica nas zonas afectadas en máis de 76.000 euros por exercicio, evitándose a emisión a atmosfera de 157.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 7.900 árbores.

Santiago, 10 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de asinar un novo convenio de colaboración, neste caso concellos de Boqueixón, Arnoia e Moraña para a posta en marcha dun proxecto piloto de tecnoloxía eficiente en iluminación pública que ten por obxectivo permitir aos municipios galegos reducir custos enerxéticos e económicos.

firma_Convenio_10-10-2012
A actuación, que complementa o programa iniciado a semana pasada noutros catro concellos galegos, permitirá a proba e avaliación das últimas tecnoloxías en iluminación. Neste caso, implementaranse balastos electrónicos regulables, que son as partes das luminarias encargadas de subministrar a corrente e a tensión adecuada de arranque e funcionamento. Deste xeito, aspírase, unha vez máis, a reducir custos enerxéticos e económicos, potenciando o uso racional da enerxía ao tempo que se mellora a calidade do servizo público.

Así, e tralo convenio firmado hoxe, instalaranse nos tres concellos máis de 1.200 balastos, aspirándose a reducir substancialmente os consumos enerxéticos nas zonas incluídas no estudo. En total, prevese un aforro enerxético conxunto próximo aos 450.000 kWh/ano, o que significaría acadar unha diminución de entre o 55% e o 65% con respecto aos consumos actuais, aforrándose, nas zonas de actuación, máis de 76.000 euros por exercicio. Ademais, evitarase a emisión a atmosfera de 157.000 kg de CO2 por exercicio, cifra equivalente á plantación de 7.900 árbores.

Coa materialización deste acordo, adóptanse importantes medidas de promoción do aforro na administración local, onde o contacto co cidadán é directo e, polo tanto, ditas medidas teñen un maior grao de visibilidade e repercusión pública. O proxecto piloto ten un custo total de 145.000 euros, dos que o Inega achega o 40% e RAT Light Systems custea o 60%, sendo responsabilidade dos concellos a instalación dos balastos proporcionados.

Outras actuacións
Deste xeito, o departamento que dirixe Javier Guerra continúa prestando unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos. Nestes momentos estase a colaborar xa con outros catro municipios –Boiro, Taboada, Pontedeva e Nigrán- na execución doutro proxecto piloto que os dotará de lámpadas de última xeración que permitirán aforros enerxéticos de ata un 75%.

Así mesmo, no último ano, ademais de desenvolver un amplo programa de axudas para o aforro e a eficiencia enerxética nos municipios galegos, o Inega puxo un marcha unha aplicación informática para que estes poidan optimizar a súa factura eléctrica, e un servizo de asesoría para concellos que resolve as distintas dúbidas que xorden no ámbito enerxético.