INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria

O PROXECTO PILOTO DE ILUMINACIÓN PÚBLICA PROMOVIDO POR ECONOMÍA E INDUSTRIA NO CONCELLO DE TABOADA PERMITIRÁ AFORROS ENERXÉTICOS SUPERIORES AO 70%

11/10/2012

- Substituiránse máis de 160 luminarias por outras máis eficientes nas parroquias de Vilar de Cabalos, Santa Eulalia, Friamonde, Tuiriz e Vilar.

- O obxectivo é reducir a factura eléctrica nas zonas incluídas no estudo en preto de 15.500 euros por exercicio, evitándose a emisión a atmosfera de case 32.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente a plantación de preto de 1.600 árbores.

Taboada (Lugo), 11 de outubro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), está a desenvolver un proxecto piloto de iluminación pública exterior no Concello de Taboada que, segundo as primeiras estimacións, acadará aforros enerxéticos de ata un 72% nas zonas incluídas no estudo. “A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos galegos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, subliñou o director do Inega, Eliseo Diéguez, na presentación do proxecto.

A través desta actuación substituiranse máis de 160 luminarias ubicadas nas parroquias de Vilar de Cabalos, Santa Eulalia, Friamonde, Tuiriz e Vilar, instalando no seu lugar lámpadas de última xeración. O cambio permitirá, en total, un aforro enerxético de case 91.000 kWh ao ano, o que supón un aforro económico próximo aos 15.500 euros por exercicio.

Neste sentido, e segundo apuntou Diéguez, “o Concello de Taboada diminuirá a súa factura económica en torno a un 70% nas parroquias afectadas”. Así mesmo, o conxunto da nova instalación suporá unha redución das emisións a atmosfera próxima aos 32.000 kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de preto de 1.590 árbores.

O proxecto presenta unha inversión total no Concello de Taboada de case 50.000 euros, dos que o Inega achega o 40%, General Electric Lighting custea o 49%, e o municipio lugués o 11% restante. Con esta actuación, como resaltou Diéguez, “a Consellería de Economía e Industria mostra unha especial sensibilidade cos concellos por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.

A actuación encádrase nun convenio no que participan outros tres concellos galegos –Nigrán, Boiro, e Pontedeva-, e os seus resultados servirán para estudar a implantación de novas tecnoloxías de iluminación exterior, extrapolando os resultados obtidos a outros municipios da comunidade.

O departamento que dirixe Javier Guerra continúa así prestando unha especial atención ao fomento do aforro e a eficiencia enerxética nos concellos. Así, esta actuación súmase a outra posta en marcha esta semana, e que tamén permitirá a implantación de tecnoloxía de última xeración noutros tres concellos galegos co obxectivo de aforrar enerxía e diminuír custos. Ademais, e para axudar as administracións locais, o Inega conta cunha aplicación informática que lles facilita a optimización da súa factura eléctrica, e un servizo de asesoría para concellos que resolve as distintas dúbidas que xorden no ámbito enerxético.